A Deputación reforza con 3,3M€ de remanentes a cooperación cos concellos e co tecido asociativo da provincia
Esta proposta de modificación do presuposto será debatida pola Corporación no Pleno ordinario que o Presidente convocará para o vindeiro martes, día 26, vía telemática
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a institución reforzará con 3,3M€ procedentes dos remanentes de tesourería a cooperación e apoio aos concellos e ao tecido asociativo co fin de que poidan impulsar medidas que melloren o benestar social e que favorezan a reactivación económica e o emprego.
Este incremento de recursos económicos “é especialmente importante no contexto de crise que vivimos provocada pola pandemia da Covid-19 e responde, unha vez máis, á función esencial da Deputación de apoiar aos concellos e tamén ao tecido social e económico, dentro das nosas competencias e cos recursos dispoñibles”.
Xunto a estes 3,3M€, a Deputación incorporará outros máis de 10,2M€ ao Orzamento 2020 con cargo a remanentes, como xa estaba previsto na memoria do presuposto deste ano, para acadar os 21,3 millóns cos que está dotado este programa, que distribúe os fondos con criterios públicos e obxectivos entre os 67 municipios da provincia.
Deste xeito, o importe total da modificación do Orzamento vía suplemento de crédito ascende a 13.623.709,93€, unha proposta que o Presidente elevará ao Pleno para o seu debate e aprobación o vindeiro martes, día 26, para cando convocará a sesión plenaria ordinaria deste mes, que se celebrará de novo vía telemática.
Neste Pleno, a Corporación tamén abordará unha proposta baseada nos informes do servizo de Intervención de conxelar o uso de remanentes por importe de 3,7M€ co obxectivo de avanzar na senda de cumprimento do Plan Económico Financeiro (PEF) 2019-2020 que está aplicar a institución provincial por superar no exercicio 2018 a Regra de Gasto establecida por Lei, debido principalmente á operación de crédito formalizada no mandato pasado para acometer o Plan Especial de Rehabilitación de Firmes (PERF).
Destino dos remanentes
O importe total de remanentes de tesourería para gastos xerais da Deputación resultante da liquidación do exercicio económico do 2019 foi de 64,5M€, dos que xa se incorporaron ao Orzamento deste ano 47,1M€ para facer fronte a compromisos adquiridos, como por exemplo obrigas derivadas do Plan Único de anos anteriores, de convenios asinados con concellos da provincia de todas as cores políticas, da xestión dos centros de atención a maiores, ou o encargo á empresa pública Tragsa do mantemento das zonas verdes provinciais, o que permitiu garantir a continuidade de todos os postos de traballo dos empregados de SUPLUSA que realizaban estas tarefas, nas mesmas condicións laborais e salariais.
Deste xeito, coa nova incorporación que está previsto aprobar neste vindeiro Pleno de 13,6M€ para reforzar a cooperación con concellos e asociacións, e para completar o crédito do Plan Único 2020; e os 3,7M€ que deben reservarse para cumprir co Plan Económico Financeiro, a Deputación non ten remanentes dispoñibles.
Reanudación das sesións ordinarias dos órganos de goberno
O Presidente resolveu nun decreto asinado este luns reanudar a celebración das sesións periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados provinciais (Xunta de Goberno, Pleno da Corporación e comisións informativas), que foran suspendidas o 15 de marzo pola crise sanitaria, tendo en conta a evolución favorable da situación e o plan de desescalada do confinamento.