A Deputación, seleccionada entre 6.000 candidaturas para participar na Semana Europea de Rexións e Cidades
Do 12 ao 15 de outubro, na xornada coordinada pola Deputación amosaranse boas prácticas e intercambiaranse propostas para mellorar a calidade de vida das persoas maiores aproveitando a presenza de representantes políticos, tomadores de decisións e expertos da política rexional
A Deputación de Lugo foi seleccionada entre máis de 6.000 candidaturas para participar na Semana Europea de Rexións e Cidades 2020, que se celebrará entre os días 12 e o 15 do vindeiro mes de outubro vía telemática. A Deputación liderará e coordinará, no que é o maior evento de política rexional da Unión Europea, a celebración dun taller de traballo xunto con outros tres socios europeos, no que se debaterá sobre o reto europeo do envellecemento activo.
No obradoiro amosaranse boas prácticas e intercambiaranse ideas sobre posibles solucións para a mellora da calidade de vida das persoas maiores aproveitando a presenza de representantes políticos, tomadores de decisións e expertos da política rexional.
A Deputación propuxo a discusión dos retos comunitarios sobre o envellecemento activo e saudable neste encontro europeo logo da crise de saúde global do Covid-19 na que o colectivo das persoas maiores foi o máis afectado e no marco do compromiso da institución provincial co benestar das persoas maiores da provincia.
Rede de Protección Social da Deputación
Tal e como subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Deputación conta de feito cunha forte Rede de Protección Social, que ten como principais piares o servizo de teleasistencia domiciliaria, o apoio ao servizo de axuda no fogar dos concellos e a rede de centros de atención a maiores con residencias abertas en Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada.
A Semana Europea de Rexións e Cidades reúne representantes de institucións rexionais e locais de toda Europa para participar na elaboración da maioría das políticas da UE, obter información das institucións comunitarias e establecer contactos con outros países cara a xestión profesional dos fondos europeos.
Pablo Rivera, quen considera un “reto ilusionante” a participación da Deputación neste encontro, asegurou que na institución “vemos prioritario para as administracións públicas e axentes sociais e económicos, incorporar factores demográficos no deseño e desenvolvemento de políticas sociais e de saúde para mellorar a calidade de vida das persoas e en especial no colectivo das persoas maiores polo envellecemento, que é un dos retos demográficos que está a afrontar a provincia de Lugo”.
O Deputado mantivo xa a primeira reunión virtual organizativa cos seus tres socios europeos: a rexión de Burgerland en Austria, a municipalidade de Mantua, na rexión itualiana de Lombardía, e o municipio de Palaio Faliro, en Atenas (Grecia).
A Semana Europea das Rexións e das Cidades 2020, #EURegionsWeek, que terá lugar este ano de xeito virtual debido á pandemia do coronavirus baixo o lema Reiniciando Europa/RestartEurope, converteuse nunha plataforma de comunicación e rede que agrupa rexións e cidades de toda Europa, incluíndo os seus representantes políticos, funcionarios, e expertos e académicos. Neste ano, o programa é moi ambicioso e contempla a celebración de 500 sesións de temática variada, como obradoiros de traballo, sesións de preguntas e repostas, laboratorios participativos, charlas e exhibicións. En 2019 acadou un récord de máis de 9.000 participantes e máis de 330 sesións.