Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación estrea o martes  a serie “Outras voces para as letras de Xela”

XELA ARIAS
Letras Galegas
vicepresidencia
Maite Ferreiro
OUTRAS VOCES PARA AS LETRAS DE XELA

Olga Novo, Marica Campo ou Claudio Rodríguez Fer son algunhas das voces que participan nesta homenaxe audiovisual á poeta sarriá

Os audiovisuais difundiranse a través da canle de Youtube e das redes sociais da Vicepresidencia os martes e xoves ás 20.30 horas

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo difundirá a través da canle de Youtube e das redes sociais a serie “Outras voces para as letras de Xela”,  que divulgan o legado de Xela Arias para a cultura galega do noso tempo a través de lecturas e interpretacións da súa obra e de reflexións biografías de familiares, escritores e escritoras, artistas e persoas anónimas.

A vicepresidenta Maite Ferreiro explicou que  “con esta iniciativa, aproveitamos as posibilidades que nos ofrecen a linguaxe audiovisual e as canles dixitais para difundir e poñer en valor a figura de Xela Arias. A situación sanitaria converteu a programación audiovisual nun recurso moi empregado no que, neste caso, seguimos afondando porque cremos que é unha fórmula axeitada para plasmar o caracter anovador da obra de Xela Arias pero tamén para chegar coa literatura galega a públicos novos”

“Outras voces para as letras de Xela” consta de quince pezas audiovisuais que confluén na intención de render homenaxe á poeta da Vilerma no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Con escenarios vinculados a súa infancia, entre o rural de Sarria e a cidade de Lugo, como pano de fondo, os vídeos retratan a Xela Arias a través da súa poesía, de textos literarios clásicos que traduciu ao galego e de reflexións biográficas.

Escritoras e escritores lugueses coma Olga Novo, Marica Campo, Helena Villar, Rafa Lobelle, Carmen Blanco, Xesús Rábade, Lois Pérez, Claudio Rodríguez Fer homenaxean a esta activista das letras, da lingua e da acción social e cultural, comprometida e multidisciplinar.  

A obra de Xela Arias tamén se revisa desde a danza e a expresión corporal a través de artistas como Carlota Pérez e desde a perspectiva que ofrecen persoas anónimas, nenas  e nenos e público adolescente dos centros educativos que len os primeiros escritos infantís en prosa da autora.

A serie audiovisual incorpora ademais as voces dalgúns dos seus familiares máis achegados coma o seu fillo Darío Gil ou o seu irmán Lois Arias.

Os vídeos, con realización e fotografía de Lorena Gallardo e Humberto Novoa, difundiranse a través das canles dixitais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desde a vindeira semana, coa estrea dunha entrega os martes e xoves ás 20.30 horas.