A Deputación promocionará en Fitur un turismo sostible e de calidade revalidado pola pandemia
O acto estará conducido polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, e tamén participará a Alcaldesa de Lugo e a primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos
Presentaranse tres pezas audiovisuais centradas en proxectar as oportunidades e fortalezas que o Camiño de Santiago presenta para os visitantes ao seu paso pola provincia de Lugo, á vez que se reafirma o programa En Lugo, si
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentarán este xoves, 20 de maio, a campaña Lugo, la provincia es tu camino na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid. Tomé Roca porá en valor o modelo turístico da provincia, que radica na sustentabilidade e na calidade das iniciativas que están en marcha e que se ven revalidadas pola pandemia da Covid-19.
O acto, que se desenvolverá no stand de Galicia, estará moderado polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da provincia de Lugo e protagonista dunha das pezas audiovisuais que a institución provincial dará a coñecer nesta cita. Tamén participarán a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.
Tomé Roca explica que o obxectivo da presenza en Fitur este ano é “amosar que a nosa provincia parte con vantaxe e con moitas oportunidades na nova realidade transformada pola pandemia”. “O noso modelo é claro e pasa por un turismo de valor engadido, sostible, de experiencias, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego vencellado ao medio rural”, subliña.
Ademais, o tema central será o Camiño de Santiago. “A nosa provincia é moi rica en rutas xacobeas e estamos en pleno Ano Xacobeo, unha oportunidade excepcional, por iso imos presentar e subliñar a importancia dos itinerarios que atravesan os nosos concellos”. Pola provincia de Lugo transcorren tres rutas declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade: trátase do Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés. Ademais, polo sur da provincia pasa outro itinerario oficial: o Camiño de Inverno, un percorrido elixido nos meses máis fríos do ano polos peregrinos medievais que desexaban evitar os nevados cumes do Cebreiro.
A Deputación de Lugo proxectará tres pezas audiovisuais que poñen de relevo as oportunidades e fortalezas da provincia, remarcadas na marca En Lugo, si e tamén das experiencias que o Camiño achega a todas as persoas que escollen un ou outro percorrido, pasando por numerosos bens patrimoniais de gran relevancia cultural. “O Camiño é unha oportunidade para coñecer o patrimonio histórico, cultural, natural e gastronómico da nosa provincia de Lugo, pero tamén amosa como somos a veciñanza da provincia, xente amable e acolledora”, subliña o Presidente.
O mandatario provincial remarca a importancia de que a Deputación de Lugo faga unha presentación propia en FITUR das potencialidades turísticas da provincia. “É unha moi boa oportunidade para amosar todos os nosos recursos e oportunidades, e forma parte da nosa estratexia de impulso do turismo para xerar riqueza e emprego na provincia”. A Deputación de Lugo destina 3M€ ao ano ao desenvolvemento turístico, co fin de continuar mellorando e lanzando novas iniciativas.
Unha promoción transversal
O Presidente da Deputación e a Deputada de Turismo participarán en diferentes actos e presentacións no marco de FITUR co fin de establecer sinerxías e novos contactos para mellorar a promoción da provincia. Entre outros, Tomé Roca intervirá no acto da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, poñendo en valor as potencialidades desta comarca.