Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural organiza unhas xornadas orientadas á creación de proxectos produtivos no rural

medio rural
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Mónica Freire
Oliver Laxe
CASA QUINDÓS
SOCIEDADE GALEGA DE PASTOS E FORRAXES
Campus Terra
As xornadas “O que non arde” desenvolveranse do 25 ao 27 de xuño en Casa Quindós, o centro de desenvolvemento rural promovido por Oliver Laxe en Navia de Suarna

 A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, presentou as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural “O que non arde”, que se celebrarán en Navia de Suarna, do 25 ao 27 de xuño, organizadas pola entidade provincial en colaboración coa Asociación Ser e coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

O encontro, que terá como escenario Casa Quindós, o centro de desenvolvemento rural promovido polo cineasta Oliver Laxe, inclúe relatorios e mesas redondas centradas en prestar apoio e transferir coñecemento a persoas con proxectos a desenvolver no rural,  aproveitando a gran potencialidade produtiva coa que contamos en Galiza.

Así, os distintos relatorios e mesas redondas abordarán temas relacionados coas políticas públicas de incorporación ao campo e o relevo xeneracional agrario, debullarán iniciativas de desenvolvemento rural de concellos de Galiza e Asturias (A Veiga, Allariz e Somiedo), propostas do Comisionado para o reto demográfico de Asturias ou de proxectos de produción agroalimentaria asentados nos Ancares.

A iniciativa, promovida pola área de Medio Rural, conta coa colaboración da Asociación Ser e da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que organizará no marco das xornadas  a súa VI Reunión de Primavera, centrada en poñer en valor a gandería extensiva de cabrún de carne como alternativa de aproveitamento nas zonas de montaña.

“Consideramos que estas xornadas son unha oportunidade de gran potencial xa que que unen nun mesmo evento os potenciais emprendedores rurais coa iniciativa de Oliver Laxe para dinamizar a zona dos Ancares no marco do seu proxecto multifuncional da Casa Quindós, a experiencia en divulgación científica da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e a traxectoria investigadora do Campus Terra en materia agroforestal”, sinalou a deputada de Medio Rural.

Mónica Freire vinculou esta iniciativa ao plan de prevención de incendios “O que non arde”, dirixido a incentivar e apoiar os traballos de limpeza de faixas secundarias de biomasa e faixas laterais nas vías municipais e a súa recuperación como superficie produtiva. “O plan estratéxico de Medio Rural contempla accións encamiñadas ao mantemento da superficie agraria útil e a recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas. Así como o fomento de labores de pastoreo, aproveitamento silvopastoril, broza ou xestión mixta sostible con sistemas agroforestais, onde se inclúan especies leñosas autóctonas. A ordenación do territorio é un piar fundamental na creación das condicións necesarias para un rural vivo”, apuntou.

Ademais dos relatorios e mesas redondas, o programa das xornadas inclúe un concerto de Davide Salvado, na contorna das excavacións do castro de Vilela, e unha demostración de maquinaria agrícola de montaña, centrada no desbroce en altura.

Oliver Laxe, involucrado na iniciativa como promotor de Casa Quindós e membro da Asociación Ser, explicou que “as xornadas pretende poñer o foco en proxectos innovadores no rural e servir como punto de encontro para a veciñanza”.

Na presentación tamén se puxo en valor a colaboración nas xornadas do Campus Terra, coa participación nos relatorios de docentes da Escola Politécnica Superior de Enxeñería Agroforestal, como Antonio Rigueiro, Rosa Mosquera ou Mar Pérez Fra.

A vicerreitora da USC en Lugo, Montserrat Valcárcel, sinalou na súa intervención a orientación do Campus Terra “á investigación e transferencia de coñecemento ao sector primario e as persoas que viven no rural”.

Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

O derradeiro día das xornadas, o 27 de xuño,  dedicarase ao desenvolvemento da VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que retoma a súa actividade formativa e divulgativa despois de meses condicionada pola pandemia.

O presidente da entidade, Joan Alibés, explicou que o encontro se centrará no desenvolvemento do sector cabrún na zona dos Ancares. “É un sector que está minguando fortemente, cun denso  entre o 15% e o 20% do censo galego no último ano, cando pola contra temos unha necesidade acuciante de gando no monte, tanto nos Ancares como noutras zonas de montaña”, concluíu.

Inscricións nesta ligazón.