Deputación de Lugo
Medio ambiente

O Presidente amosa a súa satisfacción pola declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera

JOSE TOMÉ
Ribeira Sacra
Reservas da Biosfera

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostrou este mércores a súa satisfacción pola declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera pola UNESCO. “É sen dúbida unha moi boa noticia, para a Ribeira Sacra e para o conxunto da provincia de Lugo, porque supón un recoñecemento a nivel internacional da riqueza medioambiental coa que contamos, dálle visibilidade e abre novas oportunidades moi interesantes para a conservación de todo ese patrimonio e, ó mesmo tempo, para o desenvolvemento sostible do territorio, tanto social como  económico, tal e como promove a filosofía do programa MaB”, subliñou José Tomé.

Neste sentido, o mandatario provincial engadiu que distincións coma esta son importantes “polo que teñen de punto de partida e de significado para o futuro. Este recoñecemento é unha nova ferramenta para promover medidas e iniciativas que contribúan a aproveitar o valor medioambiental para promocionar o territorio, un territorio que ten unhas características especiais, como é a Ribeira Sacra”.

A Deputación de Lugo, lembrou o Presidente, ten moita experiencia na repercusión que supón este tipo de recoñecemento da UNESCO, dado que é a entidade xestora das Reservas Terras do Miño –a máis extensa e a primeira que se recoñeceu en Galicia– e a de Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. “Temos un modelo de xestión que respecta as directrices Mab da Unesco, que combinan o respecto e a preservación do medio ambiente co seu aproveitamento sostible e coa aposta polo desenvolvemento do rural. Un modelo que fomenta a participación do conxunto dos axentes sociais, dende asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas ou produtores locais. Unha liña de traballo que está dando bos resultados”, asegurou José Tomé.

A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a sétima Reserva da Biosfera declarada en Galicia. Catro delas atópanse total ou parcialmente en territorio da provincia de Lugo, porque á recén nomeada súmanse as de Terras do Miño; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Desta forma, Lugo ten en torno ao 60% da superficie baixo a figura de protección de Reserva da Biosfera, o que a converte na provincia de España que máis territorio ten dentro da reservas.