A Deputación conmemora o 50 aniversario do programa Mab da UNESCO, que ampara as Reservas da Biofera
A Deputación de Lugo organiza un programa de actividades con motivo do 50 aniversario do programa Home e Biosfera (Mab) da UNESCO, que promove e ampara as Reservas da Biosfera, unha figura que favorece a protección ambiental e o impulso sostible do territorio. Como xestora de dous dos espazos da provincia que contan con este recoñecemento, Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, a institución impulsa actos conmemorativos durante esta semana e a vindeira, entre os que destacan conferencias, cursos, visitas, mostras e degustacións.
Hoxe tivo lugar unha visita a catro rutas de sendeirismo en Castroverde: A de Soutomerille, a do Val do Río Tórdea, a que vai de Furís ó Páramo, e a de Montecubeiro a Barredo. A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde encargouse do mantemento destas rutas grazas á liña de subvencións de concorrencia competitiva para entidades das reservas Terras do Miño e Ancares Lucenses que lanzou este ano a Deputación de Lugo. O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, acompañou aos participantes na visita polas rutas celebrada esta mañá.
Unha xornada nos hortos urbanos que a Deputación ten no Río Rato será a protagonista do calendario de actividades este xoves, a partir das 16.30 horas. Consistirá nunha exposición da primeira colleita dos usuarios, que se complementará coa conferencia Que é a Reserva da Biosfera e a interacción coa agricultura. A charla, impartida pola USC, terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño.
O sábado, 6 de novembro, haberá unha xornada de degustación da Tenreira Galega en San Román de Cervantes. Organizada polo ANPA do CPI Cervantes e a cooperativa da Carqueixa, a cita comezará ás 11.00 horas no polideportivo do colexio e contará cunha mostra de artesanía, obradoiros e actuacións.
Xunto coa Sociedade Micolóxica Lucus, a Deputación organiza entre os días 8 e 13 de novembro, 5 xornadas teóricas e 1 práctica sobre micoloxía. Será un curso completo sobre os aspectos básicos relacionados coa micoloxía: bioloxía, ecoloxía, formas de vida dos fungos e aspectos básicos para a identificación e clasificación de setas.
A UNED acollerá os días 10 e 11 de novembro no seu salón de actos o curso Reserva da Biosfera Terras do Miño e custodia do territorio, que terá o recoñecemento de 1 crédito de libre configuración. A acción formativa completarase o día 15, ás 18.00 horas, cunha visita ás Insuas.
A fin de semana do 13 e 14 de novembro, terán lugar unhas xornadas promovidas por ADEGA baixo o título Aproximación ao patrimonio cultural e natural dos valados na paisaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que terán lugar no concello de Muras. O sábado haberá un seminario no local social da asociación, que comezará ás 10.30 horas e despois haberá unha ruta interpretativa. O domingo, un obradoiro de reconstrución de muros con técnicas sostibles, no Camiño das Ucheiras.