Deputación de Lugo

A Deputación aproba novas obras de mellora nas estradas provinciais por medio millón de euros

Rede provincial de estradas
estradas
centros de atención a maiores
A Xunta de Goberno acordou adxudicar o acondicionamento doutro tramo da LU-P-2901 ao seu paso por Palas de Rei por un importe de 175.000€, e dous treitos da LU-P-4304, que conecta A Pobra de San Xiao co Páramo, por case 300.000€

Adxudicado por 53.000€ un novo lote, correspondente á lavandería, do contrato para dotar de equipamento o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna

Aprobada unha aportación de 15.000€ da institución provincial para a realización e instalación en Lugo dunha escultura conmemorativa do Ano Internacional da Enfermería

A Xunta de Goberno aprobou este venres novas obras para mellorar a rede provincial de estradas cun investimento de medio millón de euros. A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, explicou que foi adxudicado o acondicionamento dun novo tramo da LU-P-2901, a vía que conecta Lugo con Palas de Rei, neste caso ao seu paso polo concello palense, e tamén actuacións en dous treitos da LU-P-4304. que conecta A Pobra de San Xiao co Páramo. 

Polo que respecta á LU-P-2901, o proxecto conta cun investimento de 175.000€ e consistirá na mellora de 4 quilómetros -dende o punto quilométrico 21,370 ao 25,000, treito no que se acometerá a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado e o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. O prazo de execución é de 9 meses. 

Tal e como subliñou a voceira socialista do Goberno, a Deputación xa mellorou este ano outro treito de máis de 2 quilómetros desta estrada, neste caso ó seu paso polo concello de Lugo.

García Porto lembrou que esta estrada “é moi importante para a zona porque dá servizo a moitas parroquias e emprégana peregrinos por situarse ao pé do Camiño de Santiago”.

En canto á LU-P-4304, da Pobra de San Xillao ao Páramo, a Deputación adxudicou por preto de 300.000€ obras en dous treitos, o que vai do punto quilométricos 5,200 ao 5,435 e outro, de máis dun quilómetro, no punto no que esta estrada enlaza coa N-VI ao seu paso por Conturiz. O proxecto inclúe os traballos de movemento de terras e drenaxe, pavimentación con aglomerado, e dotación de beirarrúas e pasos de peóns. Tamén se pintará a calzada mediante marcas reflexivas brancas e instalarase alumeado público. O prazo de execución é de 6 meses.

Equipamento do Centro de Maiores de Navia de Suarna

Na Xunta de Goberno deste venres tamén se adxudicou por 53.058€ un novo lote, correspondente á lavandería, do contrato para dotar de equipamento ó Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna. 

A Deputación de Lugo xa ten adxudicados os lotes de mobiliario xeral; equipos médicos, xogos e material pedagóxico e axudas técnicas; e pequenos electrodomésticos e material de limpeza, por un importe de 185.000€. Agora só queda pendente o lote de cortinaxe para poder completar o equipamento desta residencia.

A voceira provincial socialista explicou que, deste xeito, “continuamos dando pasos para cumprir cos compromisos que temos dende a Deputación cos concellos e coa veciñanza en materia de residencias” e anunciou que nos vindeiros días quedará inaugurada a residencia de Meira, que se sumará ás da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro abertas durante este mandato. A previsión, lembrou, é que no vindeiro ano 2022 estean en funcionamento as de Navia de Suarna e Ribas de Sil.

Escultura do Ano Internacional da Enfermería en Lugo

A Xunta de Goberno tamén aprobou un convenio de colaboración da Deputación co Concello de Lugo e o Colexio Oficial de Enfermería da provincia, a través do que a institución achega 15.000€ para a realización e instalación en Lugo dunha escultura conmemorativa do Ano Internacional da Enfermería. A obra, do escultor José Morales, estará situada na Praza de Ferrol.

Colaboración con Foz e coa USC

O Executivo aprobou así mesmo unha achega de 25.897€ da Deputación ao Concello de Foz a través dun convenio para a contratación dun oficial pintor e un albanel, que desenvolverán tarefas vencelladas co mantemento e a mellora dos locais sociais, equipamentos de titularidade municipal, instalacións de lecer, equipamentos culturais, parques e xardíns, e tamén coa mellora da prestación do servizo de xestión de residuos sólidos.

Por outra banda, a Xunta de Goberno sacou adiante un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para a actualización, análise, mantemento e mellora da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) na provincia de Lugo. Esta ferramenta  constitúe un inventario estatal dos servizos de todos os municipios de menos de 50.000 habitantes e un instrumento básico de valoración das necesidades dos concellos a efectos da cooperación económica local do Estado.