Menu toggle
Benestar Social

A Xunta de Goberno aprobou o procedemento para a contratación do servizo de teleasistencia domiciliaria que ofrece a Deputación de Lugo de maneira gratuíta a veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia. Con este novo contrato, que supón un investimento de 750.000€ e ten unha duración de dous anos –ata o 2021-, aumentan nun 13% o número de prazas ofertadas, ata chegar ás 1.795.

Deste xeito, ás 1.555 prazas para persoas usuarias directas (xa contempladas no anterior contrato, de 2013) engádense agora outras 180 prazas, dirixidas a persoas que, convivindo co titular do servizo, reúnen tamén os requisitos para ser beneficiarias, e que disporán dunha unidade de control remoto adicional para o seu uso exclusivo, e outras 60 persoas beneficiarias indirectas, aquelas que convivindo coa persoa usuaria e necesitando das prestacións e atencións que este proporciona, carece de capacidade física, psíquica ou sensorial para poder utilizar por si mesma esta atención.

A maiores, este novo prego contempla outras melloras, como son a achega de balde de 60 terminais a maiores dos 1.555 esixidos obrigatoriamente á adxudicataria; de ata 48 dispositivos periféricos vinculados ao terminal de Teleasistencia (detectores de caídas, de gas, de fumes,  de movemento e de presencia), incluíndo a súa  instalación, mantemento e prestacións vinculadas aos mesmos; de ata 48 terminais de teleasistencia móbil que conten cun sistema de xeolocalización e monitorización, que permita a emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria; e de terminais que faciliten a utilización do servizo a persoas con dificultades de comunicación  verbal ou auditiva.

O servizo de teleasistencia é unha prestación que garante atención as 24 horas do día e os 365 días do ano a todos os maiores da provincia con dificultades na súa autonomía, favorecendo a permanencia e a integración no entorno familiar e social das persoas usuarias deste servizo, sobre todo dos que viven no rural.

Agenda bienestar social e igualdad