Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo destina 153 millóns de euros para cumprir co pasado sen hipotecar o futuro

Presentado o Orzamento de 2008 do organismo provincial que se axusta ó acordo acadado entre PSOE e BNG ó comezo do mandato

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves en rolda de prensa os primeiros Presupostos da institución provincial elaborados polo novo equipo de goberno. Gómez Besteiro avanzou que “o orzamento consolidado da Deputación de Lugo, é dicir, a suma da propia entidade e dos organismos que dela dependen, ascende a 153.691.255 euros. O Presuposto da propia Deputación de Lugo é, nivelado en gastos e ingresos, de 119.413.252,24 euros, o que representa un incremento do 8,92% respecto ó do ano anterior. Por tanto, moi por enriba da suba do IPC”. No encontro cos medios de comunicación, no que tamén participaron o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e a Deputada da Área de Economía, Regina Polín, o máximo responsable provincial afirmou que “o compromiso co pasado, o cumprimento co presente e co futuro e a transparencia impresa en todas as accións de goberno, definen a esencia do presente Orzamento. Todo se resume nunha franse: cumprimos co pasado sen hipotecar o futuro”. Cumprimento dos compromisos Gómez Besteiro destacou que “nestes Presupostos soubemos respostar ás débedas históricas desta provincia, cumprindo fielmente os compromisos programáticos que asinamos ó principio deste mandato PSOE e BNG, pero sen hipotecar as novas políticas e xestións que necesitan os 356.000 habitantes que compoñen esta provincia”. Segundo anunciou o titular da Deputación, todo o Orzamento terá un fío condutor que tamén está traducido a cifras. Lembrou a redacción do Plan Estratéxico Provincial e a confección da actualización da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), “que servirán ós que gobernamos na Deputación e en todos os Concellos para planificar, co que se converte nunha ferramenta moi eficaz”. O Presidente da Deputación afirmou que os acordos programáticos cos que comezou a súa andaina este equipo de goberno marcan este Orzamento que cumpre varias liñas. A primeira das apuntadas por Gómez Besteiro é o cumprimento das débedas históricas. “O primeiro Orzamento deste equipo de goberno tiña que respostar ás débedas que historicamente viñamos reclamando”. Neste senso, destacou o pago do canon hidroeléctrico de Chantada (3.053.573,38€) e outros Concellos afectados (2.032.958,79€), a posta en marcha da rede provincial de parques de bombeiros (3.501.000€), así como a creación do centro da UNED en Lugo (260.000 €). Relación cos Concellos O segundo eixo sobre o que xira o Orzamento de 2008 é o inicio dunha relación democrática cos Concellos da provincia. O titular da Deputación dixo que “establecemos por vez primeira unha relación cos Concellos da provincia sen tutelas, recoñecéndoos como administracións responsables e autónomas, afondando na cooperación con eles desde as diferentes áreas desta Deputación, asistíndoos técnica, xurídica e economicamente nas liñas de traballo”. Polo que respecta a este punto, a Deputada da Área de Economía, Regina Polín, dixo que “primamos o principio de corresponsabilidade, como quedou de manifesto nos novos criterios obxectivos aprobados para o Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) do 2008, incluíndo o do esforzo fiscal por habitante. Ó mesmo tempo, todos os Concellos da provincia reciben un mínimo de 18.000€, garantindo deste modo o principio de solidariedade”. A responsable provincial de Economía tamén destacou como referente destes Presupostos a cooperación coas entidades locais. Segundo apuntou, os Concellos, as asociacións e outros entes sen ánimo de lucro recibirán axudas e investimentos das distintas áreas. “Serán investimentos reais que beneficiarán directamente ós veciños desta provincia”, apuntou Regina Polín. Puxo como exemplos o Plan de Obras e Servicios (7.054.845,63 €); o Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais (2.200.000 €); o Plan de Compostaxe (250.000 €); as transferencias a Concellos para pequenas infraestruturas e servizos nas parroquias (700.000€); os convenios para desbroces (221.000 €); a potenciación do parque móbil provincial en favor do desenvolvemento das infraestruturas municipais (1.082.000 €); os fondos para o benestar social nos Concellos (1.400.000 €) e para asociacións e entidades sen ánimo de lucro (748.704 €); a actualización da EIEL (331.000 €); a sinalización de queixerías industriais e outras industrias agroalimentarias (220.000 €); as sinalizacións turísticas (150.000 €), os convenios turísticos cos Concellos (294.300€) e asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia turística (324.000€); as aportacións en materia de xuventude (140.000 €); os fondos para Concellos en materia deportiva (1.085.000 €) e para asociacións ou entidades sen ánimo de lucro (903.000 €); as aportacións en materia de cultura para os Concellos (250.000 €) e para asociacións ou entidades sen ánimo de lucro (150.000 €). Modernización das Administracións Locais Outra das liñas estretéxicas destacadas por Regina Polín na relación cos Concellos é a modernización das administracións locais da provincia. Neste senso subliñou que a posta en marcha do novo sistema de recadación (245.000 €) ou a mellora da xestión e actualización do IBI nos Concellos (220.000 €) están redundando na posta ó día das administracións locais da provincia. O Orzamento inclúe unha partida de 297.922,80 € para a modernización das administracións locais que lles permiten establecer un servizo de intranet e extranet coa Deputación. Para o programa RED.ES destínanse preto de 200.000 €. Polín dixo que para o equipo de goberno tamén é moi importante a relación con Lugo capital. Neste senso, Regina Polín anunciou que “o Orzamento recolle por vez primeira as novas liñas de traballo co Concello de Lugo, capital da provincia e municipio onde se asenta a sede provincial. Están enmarcadas no proxecto URBAN, que ten unha anualidade de 500.000 €”. Pero ademais, tanto o Gómez Besteiro como Regina Polín destaron que se respetan os anteriores convenios de colaboración subscritos cos Concellos (2.500.000 €). Innovación e persoal Outro dos piares destes Presupostos destacado polo Presidente provincial é a aposta pola innovación a través do programas europeos. Ademais dos tramitados a través do INLUDES, a busca de novas vías financieiras da Unión Europea está plasmada neste Orzamento: LugO2, programa de marcado carácter medioambiental (2.153.333 €), e o programa cultural A Lus do Candil (164.750 €). A Deputación Provincial tamén aumenta as partidas orzamentarias destinadas ó INLUDES e a SUPLUSA, reforzando o seu papel no desenvolvemento social, económico-industrial e medioambiental desta provincia. SUPLUSA recibe neste Orzamento 2.770.000 € (o ano anterior tiña á súa disposición 2.263.000 €) e o INLUDES 9.724.544,60 € (o ano anterior sumaba 7.270.678,32€). José Ramón Gómez Besteiro dixo que os Presupostos “plasman a nova forma de entender a relación da Deputacion co seu persoal”, presidida polo diálogo e a participación social, a transparencia e polo consenso en materia de recursos humanos. Estase abordando o proceso de funcionarización que permitirá, ó mesmo tempo, desbloquear a carreira administrativa e a promoción profesional; e a regularización da situación do persoal dos Centros de San Rafael e Hospital de San José, cara a integración no SERGAS, obxectivo prioritario deste equipo de goberno. Capítulo de ingresos Polo que se refire ós ingresos os conceptos máis relevantes son a participación nos tributos do Estado por un valor superior ós 74 millóns de euros, a cesión de impostos cunha suma próxima ós 9 millóns de euros, taxas e outros ingresos por un valor de 17 millóns de euros –que inclúen a aportación do SERGAS ó hospital San Rafael-, a participación nas apostas deportivas por 440.000 euros, os proxectos europeos por un importe de 1.622.658 euros, os xuros de depósitos por 3.450.000 euros, as aportacións do Estado e dos Concellos para o POS 2008 que suman 4.960.173,60 euros e a operación de crédito a longo prazo por 8 millóns de euros.