Deputación de Lugo

A Deputación acolle mañá a conferencia gratuíta e aberta sobre o Club Bilderberg A democracia contra o poder

A poñente será Cristina Martín Jiménez, a primeira autora a nivel mundial que se atreveu a falar dos encontros do Club Bilderberg e dos “verdadeiros gobernantes do planeta”A Fundación TIC retransmitirá a conferencia en www.deputacionlugo.org para que todos os interesados poidan seguila en directo a través de Internet

A Deputación de Lugo acollerá mañá ás 20:00 horas no Salón de Actos a conferencia gratuíta e aberta ó público A democracia contra o poder, a cargo da xornalista Cristina Martín Jiménez, que versará sobre o Club Bilderberg.

Cristina Martín Jiménez foi a primeira autora a nivel mundial que se atreveu a falar dun dos temas máis controvertidos e secretos da historia actual: o Club Bilderberg, que se trata de encontros anuais celebrados en distintas cidades do mundo, no que participan diversos líderes políticos e expertos da industria, finanzas ou medios de comunicación que, segundo a autora, “son os verdadeiros gobernantes do planeta”.

A xornalista publicou no ano 2005 o libro El Club Bilderberg. Los amos del mundo, froito das súas investigacións e análises exhaustivos e que, rapidamente, se converteu nun best-seller, publicado en España, Romanía, Grecia, Estados Unidos, México e Colombia, entre outros países. Vén de publicar a súa cuarta obra sobre o tema, Perdidos. Los planes secretos del Club Bilderberg.

A conferencia será retransmitida en streaming polos técnicos da Fundación TIC para que todos os interesados poidan seguila en directo en Internet, dende a páxina web www.deputacionlugo.org.