Deputación de Lugo

A Fundación TIC realizará o vindeiro luns a Gala Lugo Diez de promoción da cidade e a súa Muralla

Imaxe deputación de lugo
Na iniciativa, que se enmarca na liña de colaboración da Fundación cos Concellos da provincia, participan bolseiros da Escola de Imaxe e Son

A Gala, que emitirá a TVG, supón o arranque do programa do 10º aniversario do monumento como Patrimonio da Humanidade que previamente presentarán Gómez Besteiro e López Orozco A Fundación TIC, dependente da Deputación provincial, realizará integramente a Gala Lugo Diez que supoñerá o arranque da campaña promovida polo Concello de Lugo para conmemorar o décimo aniversario da declaración da Muralla como ben Patrimonio da Humanidade. O acto celebrarase o vindeiro luns, día 11, ás 20:30 horas no Círculo das Artes de Lugo, e será emitido polas dúas canles da TVG. A Gala, que terá una hora e media de duración e será presentada pola xornalista lucense Laura Peña e o monologuista Pepo Suevos, contará coa actuación do dúo Soas, formado por Cristina Pato e Rosa Cedrón. Ademais, emitiranse diversos vídeos promocionais de Lugo que, ó igual que a Gala, foron realizados na súa totalidade por traballadores da Fundación TIC e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo. A colaboración da Fundación enmárcase na potenciación de axuda ós Concellos da provincia. Ademais, a participación de bolseiros da EIS persegue a integración laboral dos alumnos da Escola, una das prioridades da institución. Todos coa muralla Previamente, ás 11:00 da mañá, no Salón de Plenos do Concello, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde da cidade, José López Orozco, presentarán o programa de actos que engloba Lugo Diez. Esta Gala suporá o arranque desta campaña en homenaxe ao décimo aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, e que ten por obxectivo dar a coñecer a cidade e a provincia. Durante a Gala exporanse varios vídeos promocionais onde se amosarán os principais atractivos turísticos e medioambientais de Lugo, o amplo abano de posibilidades que ofrece a cidade amurallada. Neles participaron numerosas personas relacionadas co ámbito cultural, deportivo e de medios de comunicación de Lugo. Lugo Diez é un proxecto que aglutina actividades culturais, deportivas, artísticas etc., resaltando á muralla lucense como ben Patrimonio da Humanidade. O luns só se presentará parte da programación, xa que esta estará aberta ás propostas que fagan asociacións, clubes e colectivos, e irase complentado durante todo o ano. O obxectivo é acadar a máxima implicación social, tal e como sucedeu hai dez anos para conseguir ó distintivo da UNESCO, e recuperar o traballo en equipo que fixo posible este importante galardón non só para Lugo, senón para toda Galicia.