A Deputación impulsa o Taller Internacional de Tendencias Cerámicas Sargadelos 2011
A Deputación, a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), vén de asinar un convenio de colaboración con Sargadelos para impulsar o Taller Internacional de Tendencias Cerámicas Sargadelos 2011. Trátase dun encontro que reúne a centos de expertos en arte, deseño e innovación cerámica de todo o mundo, que se celebrará durante o vindeiro mes de agosto nas instalacións da factoría cervense. A Vicepresidenta Segunda e responsable do CENTRAD, Lara Méndez, entregou este xoves o documento ó Director Xerente da Fábrica de Cerámica de Sargadelos, José María Martínez Cortizas, quen agradeceu a colaboración da institución xa que fai posible a celebración deste encontro malia as dificultades pola crise. Este Taller é un intercambio de experiencias a nivel mundial que conleva a posta en valor da nosa cerámica e da Comarca da Mariña en xeral.
O convenio establece que o organismo provincial achega 15.000 euros para a celebración dunhas xornadas formativas sobre cerámica, protagonizadas por profesionais internacionais. Todos os interesados poden solicitar unha praza ata o mes de xuño. Para elo, deberán entrar na páxina web de Sargadelos ou dirixirse persoalmente ás instalacións cervenses.
A maiores, a institución comprométese a levar unha prestixiosa exposición do Ulm, a escola de deseño alemaña herdeira de Bauhaus, considerado o antecedente de Sargadelos. Pola súa banda, a fábrica prestará a súas instalacións.
O Taller Internacional de Tendencias Cerámicas Sargadelos 2011 supón un repulsivo económica para a Mariña, e concretamente para Cervo, debido, por un lado, á visita de centos de persoas que durante varios días se aloxarán no municipio e, por outro, polo contido das xornadas. Expertos de todo o mundo poñerán en común innovadoras técnicas da cerámica e a arte co obxectivo de impulsar futuros proxectos que contribúan ó desenvolvemento da sector da artesanía e o deseño.
O CENTRAD, tal e como recolle o convenio, terá a súa plena disposición as conclusións do encontro. Deste xeito, será a folla de ruta a seguir na creación de novas iniciativas dirixidas a potenciar o sector artesanal e xerar riqueza na provincia.