Deputación de Lugo

13 Deputados rexeitan o Presuposto para 2016

- “As súas ansias de poder, levounos a rexeitar o Presuposto. Estudaremos todas as medidas legais que estean ao noso alcance para poder aprobar un Orzamento para os máis de 350.000 lucenses dos 67 Concellos da provincia”, adiantou o Presidente - A proposta de Orzamento “para todos” de Campos está dotada de 88,3 millóns para emprego, mellora das infraestruturas e políticas socias no conxunto da provincia - O Presidente quixo incorporar e respectar os investimentos de 5 millóns de euros para Concellos gobernados polo PP, que comprometeu Candia estando na presidencia - Tamén incluíu de 1,5 millóns para o inicio das residencias de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín, incorporando, polo tanto, peticións de toda a Corporación

Os 12 Deputados do Partido Popular e o Deputado non adscrito rexeitaron este xoves nun Pleno Extraordinario o orzamento da Deputación para 2016. Fixérono ao votar a favor das reclamacións feitas polo Deputado non adscrito, nas que en todas, agás nunha, pedía a inmediata retirada do documento. “As súas ansias de poder, levounos a rexeitar o Presuposto. Continuamos cun orzamento prorrogado, pero estudaremos todas as medidas legais que estean ao noso alcance para poder aprobar un Presuposto para os máis de 350.000 lucenses dos 67 Concellos, como é a miña proposta. Unha vez máis, queda en evidencia o conchabeo de 13 Deputados para tentar boicotear a este Goberno”.

A proposta de Orzamento que o Presidente levou hoxe ao Pleno para a súa aprobación definitiva incluía os ditámenes de Secretaria Xeral e Intervención, os máximos responsables administrativos da Deputación, nos que se inadmitían as alegacións e reclamacións ás contas, feitas polo Partido Popular e o Deputado non adscrito. E facíano por seren presentadas fóra do tempo legal establecido e por falta de lexitimidade. Son, polo tanto, contrarias á lei, segundo recolle o texto refundido da Lei Reguladora das Facenda Locais (artigos 169.1, 170 e 172).

Con todo, 13 Deputados votaron en contra dos informes técnicos, admitindo as alegacións. Posteriormente, os mesmos votaron a favor das reclamacións do PP e logo das do Deputado non adscrito, onde se reclamaba a “inmediata retirada” do Presuposto. O propio informe de Secretaria Xeral, ao que tiveron acceso todos os Deputados o pasado sábado durante a Comisión Informativa, subliñaba e alertaba sobre este feito.

Proposta para todos, con as peticións da Corporación
A proposta de Orzamento Consolidado da Deputación para 2016 que fixo o Presidente conta con 88,3 millóns de euros. As súas liñas de actuación baséanse en emprego, mellora de infraestruturas e políticas sociais para os veciños dos 67 Concellos. Duplícanse as achegas económicas para estas liñas con respecto ao ano pasado grazas á débeda cero da Deputación. Pois non contar con cargas financeiras supón que os investimentos reais se incrementen en máis de 8 millóns de euros en relación ao 2015. O Presidente quixo incorporar e respectar os investimentos de 5 millóns de euros que Elena Candia comprometeu a 17 Concellos gobernados polo Partido Popular, cando estaba na presidencia. Ademais, tamén incluíu unha partida de 1,5 millóns de euros para o inicio das residencias de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín. Polo tanto, o Presidente recolle na súa proposta de Orzamento para 2016 peticións de toda a Corporación Provincial. “As ansías de poder da voceira do PP e do Deputado non adscrito supuxo que 13 Deputados retirasen o orzamento”, explicou o Presidente.