A Deputación organiza mañá no Méndez Núñez unha xornada gastronómica da castaña en impulso deste froito
A Deputación organiza mañá a xornada Potenciación da castaña, que arrincará ás 20:00 horas no Hotel Méndez Núñez. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do convenio que o organismo provincial mantén co Ministerio de Mediambiente, dotado de 1 millón de euros cofinanciados nun 66% por fondos estatais, que busca xerar riqueza na provincia mediante o impulso dos seus recursos naturais. A cita consistirá na desgustación de pratos elaborados a base de castañas de produtores lucenses, que cociñará o lugués Héctor López, chef Premio Nacional de Gastronomía 2008, así como propietario do establecemento recoñecido como o Mellor Restaurante de Galicia 2007. Todos estes manxares foron recollidos nun recetario realizado pola Deputación, que tamén se repartirá mañá.
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará na xornada, xunto ó Presidente da Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia Proagrosilga-, o lucense Xesús Quintá, tamén Presidente do Consello Regulador de Indicación Protexida da Castaña da Comunidade galega e xerente de Alibós, empresa con sede en Monterroso, valorada como unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada, que exporta castañas a máis de 20 países de Europea e Asia.
Produtores da castaña en Lugo, provincia que concentra o 30% da produción total en Galicia, Comunidade que supera as 15.000 toneladas de castañas ó ano, darán conta nesta xornada da calidade deste froito a hostaleiros galegos co fin de incorporar nos menús dos seus establecementos pratos feito con castañas. Para elo, a Deputación tamén convidou a esta iniciativa a socios da Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo e o seu Presidente, Cheché Real.