O Goberno lamenta que Candia antepoña os seus intereses aos dos lucenses, rexeitando investir 900.000 euros máis nos Concellos co POS
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
- “O non polo non é a máxima de Candia, aínda que isto supoña prexudicar aos veciños dos 67 municipios da provincia, pois o seu único fin é bloquear as propostas do equipo de goberno para sacar rédito persoal e político na súa carreira”, subliñou
- “Candia debería explicar aos Alcaldes e cidadáns en xeral a súa forma de actuar nesta institución, pois non defende os intereses dos lucenses, só os seus”
O Goberno Provincial lamenta que Candia antepoña os seus intereses aos dos lucenses tras rexeitar a proposta do grupo provincial socialista de cuadriplicar a achega da Deputación ás obras municipais do Plan de Obras e Servizos para 2016. Así o destacou este mércores Álvaro Santos Ramos. O voceiro salientou que o non polo non é a máxima de Candia. Co único fin de bloquear as propostas do equipo de goberno, Candia foi capaz de rexeitar 900.000 euros máis para os Concellos a través do POS.
O voceiro provincial socialista explicou que o PP preferiu sacar adiante no Pleno co apoio de 13 Deputados a súa moción para achegar dende o organismo provincial 2.780.538 euros ás obras municipais de dita programación, que investir 3.685.148 euros, que foi a orzamento que lle ofreceu o grupo provincial socialista. A diferenza entre estas cantidades supón unha perda para os Concellos de 900.000 euros.
Trátase do non polo non de Candia, pois nas xuntas de voceiros sobre o orzamentos para 2016, o Presidente xa lle trasladou que o Goberno Provincial estaba disposto a cuadriplicar o financiamento da Deputación para as obras municipais do POS. Finalmente, porque así o quixo Candia, o Pleno acordou triplicalo, subliñou Santos.
Coma sempre, Candia antepuxo os seus intereses persoais e políticos, axudándose do apoio de 13 Deputados, antes de que saíse adiante a proposta do equipo de goberno, que é moito máis beneficiosa para os 67 Concellos da provincia. Así defende Candia aos veciños dos municipios da provincia. Terá que dar explicacións aos Alcaldes e cidadáns en xeral, pois o único que lle preocupa é a súa carreira política. Non defende os intereses dos lucense, só os seus, remarcou.
Non nos serve a débil escusa sobre o orzamento para obras provinciais do POS, pois Candia sabe perfectamente que, a maiores do presupostado nesta progarmación, sempre quedan excedentes de tesoureiría (de feito o ano pasado estes superaron os 200.000 euros) que poden achegar a novas e máis actuacións na rede viaria provincial. Isto garante que non se reduza nin un só euro a achega da Deputación para obras provinciais do Plan de Obras e Servizos, remarcou.