Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle “A Foliada”, do artista lucense Xoán Vila

- García Porto inaugurou este xoves a colección, composta por oito conxuntos escultóricos de madeira, inspirados na cultura popular galega, e que estará exposta ata o 17 de setembro -A Deputada de Cultura destacou “que dende o Goberno da Deputación cremos importante promover este tipo de iniciativas que contribúen a impulsar o traballo de artistas lucenses”

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este xoves a exposición do artista lucense Xoan Vila, que leva por titulo “A Foliada”, e que está composta por oito conxuntos escultóricos de madeira, “que teñen como fío condutor a celebración da amizade”, segundo confesa o propio autor. A colección estará exposta ata o 17 de setembro na Capela de Santa María.

García Porto destacou “dende o Goberno da Deputación cremos importante promover este tipo de iniciativas para impulsar o traballo dos artistas lucenses e galegos. Xoán Vila é un antigo alumno do CENTRAD, que hoxe volve a súas orixes lucenses para expoñer parte da súa obra”.

A Deputada explicou “a obra de Vila reflicte a súa busqueda incesante da harmonía a través da unión coa natureza, e como el mesmo confesa, dialogando coas arbores, coa madeira, e tendo como referencia a cultura popular galega. O resultado é unha exposición chea de simbolismo, como pode comprobarse nesta colección. O autor escenifica, elevando o seu máximo expoñente unha troula, unha foliada popular na capela de Santa María”.

Banda sonora do ano 1974

A inauguración desta exposición contará cunha banda sonora especial, xa que na mesma, poderanse escoitar as gravacións realizadas por Marcos Fernández Puente sobre as festas e foliadas de Galicia do ano 1974. Esta colección pertence ao catálogo de gravacións históricas que posúe o organismo provincial.