O Deputado de Economía Rural reclama no encontro anual da cooperativa ICOS o apoio da Xunta ó centro de recría

O Deputado Provincial de Economía Rural e do Mar, José Fernández, participou este venres no encontro anual de confraternidade de ICOS Sociedade Cooperativa Galega, radicada en Chantada, unha cita que aproveitou para insistir na necesidade de que a Administración Autonómica se implique economicamente na construción do primeiro centro público de recría de gando en España, que a institución provincial está a levantar na Granxa Gayoso Castro, no Concello de Castro de Rei.
Fernández explicou ós asistentes ó evento, que congregou a unhas 2.000 persoas, que as obras marchan a moi bo ritmo, de maneira que no próximo mes estará practicamente lista a estrutura de 4 das 13 naves das que constará o complexo.
O Deputado subliñou que a institución provincial leva xa dende a xestación da idea, no 2009, solicitando un encontro coa Xunta para tratar de materializar esta colaboración, pero polo momento non obtivo resposta. Tendo en conta que a Administración galega é a máxima responsable das competencias en medio rural, Fernández espera que o Executivo galego acepte xunguir esforzos para sacar adiante un proxecto que marcará un antes e un despois no funcionamento das explotacións gandeiras da provincia, pois mellorará a calidade de vida dos gandeiros e evitará o problema real da falta de infraestruturas e man de obra, ó tempo que incrementará a rendibilidade das granxas, xa que a recría supón o 20% dos custes asociados á produción. José Fernández argumentou así mesmo que a construción do centro conta co total apoio do sector, incluída a propia cooperativa ICOS.
Unha sociedade punteira
ICOS foi constituída o 26 de decembro de 2000 coa fusión de catro cooperativas da Zona Sur da provincia: Chataca e Cofaro de Chantada, Medela de Taboada e Codiproga de Carballedo.
Na actualidade conta con 867 socios cunha media de idade de 46 anos e dedicados á produción de leite e carne, e 286 clientes, o que suma 1.153 persoas con vinculación directa coa cooperativa, o que a converte nunha das punteiras de Galicia.