CONCURSO FOTOGRAFÍA RESERVAS DA BIOSFERA

 

A VIII Edición do Concurso de Fotografía terá como fío condutor nesta edición do 2025 “O patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses”, coa finalidade de poñer en valor, dar a coñecer e divulgar o patrimonio etnográfico material representativo do aproveitamento sostible dos recursos naturais destas Reservas da Biosfera.

 

Neste particular cómpre aclarar que a temática “Patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses” inclúe, entre outros bens, hórreos, muíños, aceas, lavadoiros, fontes, pontellas, cortíns, pallozas e outras construcións tradicionais, que constitúen a pegada dos nosos devanceiros e o seu bo facer á hora de aproveitar os recursos dun xeito sostible sen comprometer á súa persistencia ou esgotamento.

 

Beneficiarios

 

Poderán ser beneficiarios/as dos premios da presente convocatoria as persoas físicas maiores de idade que estean interesadas, de nacionalidade española ou residentes legais en España, que cumpran cos seguintes requisitos:

  • Ser maior de idade, de nacionalidade española ou residente legal en España.

  • Estar ao corrente nas obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica, así como estaren ao corrente coas obrigas coa Seguridade Social e coa Deputación Provincial, asinando a declaración responsable contida no Anexo I desta convocatoria.

  • Os establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e aplicables no presente caso.

  • Non poderán participar neste VIII Concurso os beneficiarios dos tres premios da edición anterior.

  • A persoa que presente unha fotografía ao Concurso deberá ser o autor da mesma.

 

Premios

 

A contía total do concurso será de 1.600,00 euros divididos en tres premios:

 

1er Premio: 800,00 euros

2º Premio: 500,00 euros

3er Premio: 300,00 euros

 

Prazo de presentación

 

O prazo de presentación de solicitudes será de 2 meses naturais, a contar a partir do día seguinte da publicación no BOP de Lugo (20.11.2024) do extracto da presente convocatoria e bases. (Ata o día 20 de xaneiro de 2025)

 

Forma de presentación

 

As solicitudes dirixiranse ao Presidente e, xunto coas fotografías, presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Lugo, Praza San Marcos, 8 (27001 - Lugo) ou se remitirán por correo postal certificado, ademais do resto de opcións recollidas conforme ao establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, a:

DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO

Rexistro Xeral

“CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DAS RESERVAS DA BIOSFERA TERRAS DO MIÑO E OS ANCARES LUCENSES”

Praza San Marcos nº 8, 27001-LUGO

 

No caso de presentar a solicitude de participación nun rexistro distinto ao da Deputación Provincial de Lugo, deberá remitirse na mesma data da presentación un correo electrónico ao enderezo und.medioambiente@deputacionlugo.org no que se achegue o xustificante da presentación da solicitude no rexistro correspondente.

 

A documentación a presentar é a seguinte:

  • O Anexo I “Solicitude de participación”

  • Copia do DNI ou documento que legalmente o substitúa.

  • Un sobre pechado rotulado no exterior coa frase “CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DAS RESERVAS DA BIOSFERA TERRAS DO MIÑO E OS ANCARES LUCENSES” e o lema ou título da fotografía, sen outras identificacións persoais, no que se incluirá a fotografía en papel e no soporte dixital (CD-ROM ou memoria USB).

A fotografía para concurso será presentada sen montar, sen enmarcar e sen passe - partout, e poderá ser realizada en branco e negro ou en cor. A fotografía terase que presentar do seguinte xeito:

  • Entregarase un CD-ROM ou unha memoria USB coa imaxe en formato TIFF, modo de cor RGB. O arquivo terá un tamaño mínimo de 15 Mb. No mesmo CD-ROM ou memoria USB deberá existir unha copia da fotografía cun tamaño aproximado de 1,2 Mb comprimidas co formato JPEG (.jpg) en modo de cor RGB.

  • Será necesario acompañar unha copia da fotografía en papel fotográfico cun tamaño de 24x30 cm, ocupando a imaxe a totalidade do papel sen ningún tipo de marco, especificando claramente na parte traseira da fotografía o título ou lema, non podendo figurar nome, sinatura ou calquera outra identificación do participante.

  • Documento bancario. Documento emitido pola entidade bancaria no que se indique o número de conta na que se procederá, no seu caso, ao abono do correspondente premio e no que necesariamente figurará o solicitante como titular.

 

Outros datos

 

  • As obras deben ser inéditas e non poden ter sido premiadas con anterioridade.

  • Deberase presentar unha única fotografía por solicitante, quedando excluídas do presente procedemento aquelas persoas que presentasen mais dunha fotografía ao concurso, ben nunha mesma solicitude ou en varias.

  • A fotografía poderá ser realizada en branco e negro ou en cor, e deberá presentarse seguindo os requisitos da base quinta.

  • Os autores das obras premiadas cederán a favor da Deputación Provincial de Lugo todos os dereitos patrimoniais destas, en especial os dereitos de exposición, publicación e calquera outros relacionados coa difusión, citando sempre o nome do autor. Estes dereitos estenderanse a un período total de trinta anos.

  • En ningún caso se devolverán as fotografías aos participantes no concurso.

 

Documentos da convocatoria

 

Anuncio BOP 

 

Bases 

 

Anexo I pdf (Solicitude de participación)

 

Anexo I editable (Solicitude de participación)

Axenda Medioambiente, Medio Rural e do Mar