Deputación de Lugo

180 técnicos participarán nas xornadas sobre a nova Lei de Contratación Pública, que organiza o Goberno da Deputación

- O Deputado de Cooperación cos Concellos presentou este mércores as charlas, que terán lugar o 19 e 20 de febreiro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, impartidas por Javier Tena Ruiz, Elena Hernáez Salguero, e Patricia Valcárcel Fernández- Fernández Queipo subliñou que “traballamos para mellorar a eficiencia, transparencia e xestión na administración e, neste senso, organizamos unhas xornadas sobre os cambios que se producirán coa nova lei na contratación pública”- Os obxectivos destas xornadas son: dar a coñecer os cambios na contratación pública con respecto aos principios de igualdade de trato, e realizar un retrato da “Estratexia Europa 2020”, que persegue un crecemento económico sostible co uso máis racional dos fondos públicos dentro dos Estados da Unión Europea 

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Argelio Fernández Queipo, presentou este mércores as Xornadas sobre a nova Lei 9/2017 de contratos do sector público, que terán lugar o 19 e 20 de febreiro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Os coloquios, que contarán coa asistencia de máis de 180 profesionais, están dirixidos a secretarios, interventores, tesoureiros e persoal ao servizo do sector público local. Nestes encontros realizarase unha análise dos cambios lexislativos que a Lei 9/2017 producirá nun futuro inmediato en materia de contratación pública.

Fernández Queipo destacou “dende o Goberno da Deputación traballamos para mellorar a eficiencia, transparencia e xestión na administración pública. Neste senso, levamos a cabo estas xornadas formativas sobre os cambios que se producirán na contratación pública coa entrada en vigor da nova lei no mes de marzo. As charlas contarán con tres poñentes de gran prestixio como son: Javier Tena Ruiz, Interventor Tesoureiro da Administración Local e Subdirector Xeneral de Coordinación da Contratación do Concello de Madrid; Elena Hernáez Salguero, Presidenta do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade de Madrid; e Patricia Valcárcel Fernández, Profesora Titular de Dereito Administrativo na Universidade de Vigo”.

Os obxectivos destas xornadas son, por unha banda, dar a coñecer os cambios na contratación pública con respecto aos principios de igualdade de trato, non discriminación, transparencia, proporcionalidade e integridade. E, por outra banda, preténdese realizar un retrato da paisaxe lexislativa marcada pola “Estratexia Europa 2020”, que persegue un crecemento económico intelixente, sostible e inclusivo que garanta un uso máis racional dos fondos públicos dentro dos Estados da Unión Europea.

Programa das xornadas

Luns, 19 de febreiro de 2018

- De 09:00 a 14:00 horas: Javier Tena Ruiz. Interventor Tesoureiro de Administración Local, Coordinador do Proxecto CSP (Contratos no Sector Público) e Subdirector Xeral de Coordinación da Contratación do Ayuntamiento de Madrid.

Contido:

O obxecto e a necesidade da contratación

  • A determinación da necesidade e o seu marco temporal
  • A configuración do obxecto do contrato:
    • Fraccionamento do obxecto contractual.
  • As especificacións técnicas
  • As condicións especiais de execución
  • Os compromisos de adscrición de medios

A aptitude para a contratación

  • Condicións de solvencia e clasificación
  • Integración de solvencia cos medios de terceiros
  • As UTEs

Os cambios producidos nos procedementos de contratación

  • De procedementos simplificados ao contrato menor, pasando polo procedemento negociado.

- De 16:30 a 20:30 horas: Elena Hernáez Salguero. Presidenta do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade de Madrid.

Contido:

Tipoloxías dos contratos e diferenciación

  • Concesión de Servizos
  • Contrato de Servizos
  • Administrativos especiais
  • Xestión de servizos non públicos

Réxime de Recursos administrativos en materia de contratación

  • Actos e procedementos

Aspectos Sociais e Medioambientais da contratación pública

  • Opcións e límites á incorporación de cláusulas sociais e medioambientais na contratación pública

Martes, 20 de febreiro de 2018

- De 16:30 a 20:30 horas: Patricia Valcárcel Fernández. Profesora Titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo.

Contido:

A adxudicación e perfeccionamento dos contratos

  • Criterios de adxudicación
  • Actuacións das mesas de contratación.
  • Tratamento das ofertas anormais ou desproporcionadas

Execución e modificación dos contratos

  • Réxime de control e penalidades
  • A responsabilidade do contratista
  • Modificación do contrato e prestacións complementarias
  • Resolución do contrato
  • Liquidación dos contratos