Deputación de Lugo

Gómez Besteiro e Vega Buján presentaron o novo catamarán da Deputación para “fomentar
os sentidos”

A embarcación bautizada pola Vicepresienta Terceira co nome de “Mencía” comezou a funcionar hoxe coa ruta inaugural de autoridades

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, presentaron este venres o novo catamarán que adquiriu a institución provincial para a “Ruta dos Encoros” da Deputación. A embarcación ten 114 prazas e é o máis grande dos cinco cos que conta neste momento a Deputación. No acto que tivo lugar no clube náutico de Doade ubicado no encoro de Santo Estebo, Gómez Besteiro destacou a xestión realizada pola Vicepresidenta Terceira cualificándoa de “auténtica protagonista”. Neste senso, o máximo mandatario provincial subliñou que a nova adquisición “simboliza o punto de inicio das novas políticas turísticas Deputación” e felicitou ó equipo e ós funcionarios das diferentes áreas implicadas no proceso de xestión do novo catamarán. A nova embarcación foi bautizada con nome de “Mencía”, en homenaxe ó produto típico da zona, a uva. Deste xeito, Vega Buján destacou que nesta ocasión se elexiu un nome feminino “para reivindicar a igualdade e para exaltar a uva como produto estrela desta zona”. O barco comezou a funcionar hoxe coa ruta inaugural de autoridades e relizará as rutas Doade-Santa Cristina e Doade-Chancís-Doade. A este respecto a Vicepresidenta Terceira indicou que “con este itinerario preténdese fomentar os sentidos e poñer en valor a riqueza paisaxística, patrimonial e turística da zona. É unha viaxe de sentimento”. No acto tamén estiveron presentes os Alcaldes de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, Sober, Raquel Arias, Pantón, José Luis Álvarez Blanco, Bóveda, José Manuel Arias López e Pobra de Brollón, José Luis Maceda Vilariño, ademais de representantes dos municipios do Saviñao e Quiroga, do Presidente Provincial de Hostalería, Francisco Real, membros da Asocicación de Adegueiros da Ribeira Sacra, restauradores, propietarios casas de turismo rural e artesáns. Características de “Mencía” Trátase dun barco moderno que se adapta ás necesidades da demanda actual. O catamarán fora encargado polo goberno do Partido Popular no verán de 2006, pero non foi ata o mes de xuño de 2008 cando chegou á localidade de Sober. A embarcación supuxo un investimento para a Deputación de 1.080.000 euros. Ten 16,7 metros de eslora e unha anchura de 6,55 metros. Conta cun depósito de 2.000 litros de combustible e pode chegar a alcanzar unha velocidade de 12 nudos, aínda que tendo en conta as condicións do río Sil, non superará os catro. O traslado do barco desde Vigo supuxo un importante esforzo loxísitico, xa que se tardaron dous días en percorrer os 150 quilómetros que separan a cidade olívica de Augasmestas, clube náutico donde foi deixado nun principio. Desde este punto, trasladouse finalmente ata Doade. “Mencía” é o cuarto catamarán que pon en servizo a institución provincial para realizar a “Ruta dos Encoros”. O quinto é o que se atopa no río Miño, na zona dos Robles. Polo que respecta ós prezos, o custe da viaxe é de nove euros por persoa, cantidade que se reduce a cinco para os usuarios de carné xove, xubilados e nenos de 4 a 12 anos.