Deputación de Lugo

Goberno da Deputación e Concello do Incio enchen de maxia o municipio, co II Festival da Maxia

- García Porto e Celeiro García presentaron este luns a programación desta nova edición, que conta coa colaboración do Executivo da Deputación- Serán un total de 4 as actuacións que se desenvolverán noutras tantas parroquias do Concello, e que terán lugar entre o 16 e o 30 de decembro- O Mago Deimi, o Mago Lolo, o Mago Teto e o Mago Carlos, serán os participantes neste festival, que é totalmente gratuíto

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, presentaron este luns, na Casa do Concello do Incio, o II Festival da Maxia, unha iniciativa promovida polo Goberno da Deputación e que terá lugar dende o 16 ata o 30 de decembro en 4 parroquias da vila. A entrada é completamente gratuíta. O Executivo Provincial colabora con esta cita, así como con outras actividades lúdico-culturais da vila como concertos musicais, a edición da revista Os Fanagueiros, ou o festival Terra Brava, cunha achega económica total de 8.000 euros.

García Porto remarcou que “trátase dunha iniciativa coa que se dinamiza a nivel lúdico o Concello durante a época de Nadal, que é cando o municipio rexistra un maior aumento da poboación. É ademais un Festival que percorrerá 4 parroquias do Concello, facendo desfrutar a nenos e maiores da maxia en vivo”.

A Alcaldesa agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación con ducias de eventos e iniciativas culturais, turísticas e deportivas, que “axudan a xerar riqueza no Concello, desestacionalizando o turismo e dinamizando a economía local”.

Programación do II Festival

O II Festival da Maxia, financiado por Deputación e Concello do Incio, contempla un total de 4 actuacións noutros tantos locais sociais de parroquias do municipio. A programación é a seguinte:

16 de decembro:

18:00 horas: actuación do Mago Deimi no local social da Cervela.

17 de decembro

18:00 horas: actuación do Mago Lolo n local social de Vilardemouros.

22 de decembro

18:00 horas: actuación do Mago Teto no centro Multiusos do Incio.

30 de decembro

18:00 horas: actuación do Mago Carlos no local social de Lebón.