Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación enche Chantada de actividades culturais e turísticas con 10.000 euros

Imaxe deputación de lugo
- Santos Ramos avanzou a programación de cine, teatro, música e actividades fluviais, que o Goberno Provincial leva e ofrece gratis no municipio chantadino durante toda unha semana para dinamizar social e economicamente esta Comarca-  O Deputado de Relacións Institucionais adiantou que a Praza do Cantón será o escenario das proxeccións, concertos e actuacións teatrais previstas dende hoxe e ata o vindeiro xoves; mentres que o domingo será a Praia do Parque Sangoñedo a que acolla tobogáns, rocódromos acuáticos, pistas de obstáculos, kaiaks, waterballs...

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto ao Alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, e Concelleiros, adiantou as actividades culturais e turísticas, totalmente gratuítas para o público, coas que o Goberno Provincial enche as rúas da localidade chantadina durante unha semana cun investimento de 10.000 euros. Santos Ramos avanzou que dende hoxe e ata o vindeiro xoves, 24 de agosto, haberá cine, teatro, música e ata actividades fluviais. Trátase dunha completa e variada programación para persoas de todas as idades e de balde.

O responsable do departamento de Relacións Institucionais destacou que “este Goberno Provincial traballa por unha Deputación rural, que colabora con todos os Concellos da provincia; que ofrece durante todo o ano actividades totalmente gratuítas aos veciños, dende unha Deputación social e coas persoas. Agardamos que as actividades que traemos a Chantada contribúan a dinamizar social e economicamente a vida municipal, aproveitando a afluencia de visitantes durante esta época estival, que sexan, polo tanto, unha nova oportunidade máis para coñecer a riqueza patrimonial e vitivinícola que temos nesta Comarca, xerando, ademais, riqueza a través do impulso do sector turísticos”. Neste eido, Samos Ramos lembrou que o Goberno da Deputación financia con outros 330.000 euros máis 70 actividades nos Concellos con estes mesmos fins: dinamizar a vida social, a economía local e o turismo.

Actividades celebradas

Esta será a semana forte das actividades culturais e turísticas do Goberno da Deputación en Chantada. No que vai de mes proxectáronse as películas, de rango internacional, “O libro da selva” de Gran Bretaña, “A tartaruga vermella” de Holanda e Francia, “En la sombra” da República Dominicana, “O novos testamento” de Bélxica. Tamén estivo presente o cine galego con “Despois da Fin” da directora Belén Veleiro ou “Miracielo” de Paco Ces. A programación remata con máis cine, música, teatro e gozando do río, poñendo en valor os recursos fluviais da Comarca de Chantada.