Deputación de Lugo

A Deputación dota ao Club de Fútbol de Bóveda dun novo cortacéspede

- Campos Conde e Santos Ramos mantiveron un encontro coa directiva e xogadores deste entidade deportiva, na que comprometeu 6.000 euros da Deputación para a adquisición desta máquina  - A través desta colaboración, redúcense os custos do Club pois ata o de agora, gastaban uns 180 euros mensuais en acondicionar o terreo de xogo que logo da adquisición do cortacéspede poderán aforrar- Campos Conde apuntou que “facemos esta colaboración dentro da nosa aposta pola promoción do deporte base, así como dentro da nosa liña de mellorar os servizos e instalacións públicas das que desfrutan os noso veciños, especialmente os do rural”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, mantiveron este martes un encontro con xogadores e directiva da Asociación Deportiva Club de Fútbol de Bóveda para avanzarlles que o Goberno Provincial dotará a esta entidade dun novo cortacéspede co que acondicionar o terro de xogo do campo Hermanos Somoza. Este é o campo no que adestra o Bóveda, que conta cuns 25 xogadores de toda a zona, así como o lugar no que se celebran partidos durante as festas como o de “solteiros contra o de casados”.

O Presidente apuntou que “a través desta colaboración, reducimos custos ao Club pois ata o de agora, gastaban uns 180 euros mensuais en acondicionar o terreo de xogo que logo da adquisición do cortacéspede poderán aforrar. Facemos esta colaboración dentro da nosa aposta pola promoción do deporte base, así como dentro da nosa liña de mellorar os servizos e instalacións públicas das que desfrutan os noso veciños, especialmente os do rural”.

O Presidente do Club Deportivo agradeceu a colaboración da Deputación “o que nos permitirá substituír o anterior cortacéspede, que apenas funciona, pois ten máis de 20 anos”.

A que máis inviste en deporte

Campos Conde destacou que a de Lugo é unha administración comprometida co deporte na provincia, é por iso polo que o Goberno converteu á de Lugo na administración Galega que máis inviste en deporte, e a terceira en España. Nos dous anos e medio que o actual Goberno Provincial leva á fronte da Deputación, destináronse máis de 15 millóns ao impulso do deporte, ofrecendo unhas 2.500 axudas a equipos profesionais e de deporte base en todas as modalidades ou promovendo a actividade deportiva de máis de 200 entidades lucenses.

Campos Conde subliñou que “a Deputación de Lugo dedica o triplo ao deporte na provincia de Lugo que a Xunta de Galicia. Por cada euro que inviste a Xunta, a Deputación dedica 3,5. Dos 19,2 millóns de euros de orzamento no 2017 que dispoñía a Secretaría Xeral para o Deporte, só destinou á provincia de Lugo 2,1 millóns, mentres que a Deputación achegou preto de 7. Non en vano, das catro Deputacións galegas, somos a que máis investimento dedicamos ao deporte, e a terceira Deputación en España que máis gasta en deporte por habitante, con preto de 13 euros”.