Deputación de Lugo

Máis de 4.200 entrevistas realizadas para a selección dos novos postos de traballo do Ben Empregado 4

- Foron 4.235 as entrevistas realizadas polos técnicos provinciais aos 1.340 lucenses no paro que optan aos novos postos de traballo xerados polo Goberno da Deputación a través do Ben Empregado 4, máis social - Nos vindeiros días publicarase en http://benempregado.deputacionlugo.org/ e no taboleiro de anuncios as puntuacións acadadas nas probas de selección e a listaxe definitiva dos lucenses seleccionados que se incorporarán aos 185 novos empregos - Todos estes beneficiados estarán un ano contratados nas empresas e colectivos da provincia, pois o Goberno da Deputación asume os custos laborais destes desempregados

O Executivo Provincial vén de rematar as últimas probas de selección do Ben Empregado 4, máis social. Foron máis de 4.200 entrevistas as realizadas polos técnicos da Deputación aos 1.340 lucenses no paro que optan aos postos de traballo do Goberno Provincial. Son 185 os novos empregos que xera o Executivo da Deputación en outras tantas entidades da provincia a través da cuarta edición deste plan de emprego.

Nos vindeiros días publicaranse en http://benempregado.deputacionlugo.org/ e no taboleiro de anuncios da Deputación as puntuacións acadadas nas entrevistas e a listaxe definitiva dos lucenses seleccionados que se incorporarán aos 185 novos empregos nas próximas semanas. Todos estes beneficiados estarán un ano contratados nas empresas e colectivos da provincia, pois o Goberno da Deputación asume os custos laborais de todos estes desempregados.

185 novos postos de traballo

Dos 1.340 aspirantes a estes novos empregos xerados polo Goberno da Deputación co Ben Empregado 4, máis social, son 1.157 persoas as que concorreron á liña A1, na que 127 empresas buscan outros tantos perfís de diversas profesións. O Executivo Provincial financiará ao 50% os custos laborais dos traballadores durante un ano.

Outros 264 lucenses concorren á liña B1, dirixida a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste caso, 19 empresas ofrecen 19 empregos. No caso dos beneficiados desta liña, o Goberno da Deputación financiará ao 100% os custos salariais destes profesionais, fomentando a igualdade de oportunidades.

E por último, para a liña 2 foron 650 demandantes de emprego os que optaron aos 39 postos de traballo que demandan outros tantos colectivos sen ánimo de lucro da provincia e que recibirán o 90% da axuda da Deputación.