Deputación, Concello de Lugo e AELU recoñecen o traballo das empresarias e emprendedoras lucenses no Día da Muller
O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; e a Presidenta de AELU (Asociación de mulleres empresarias da provincia de Lugo), Beatriz Varela Regueira; participaron este xoves na entrega dos Premios Son Muller 2018. Trátase do certame que organizou a AELU, coa colaboración da Deputación e Concello de Lugo, que achegaron 4.600 euros, converténdose nas principais patrocinadoras. Fano dentro da súa aposta conxunta por impulsar e poñer en valor o traballo que desenvolven todas as mulleres empresarias e emprendedoras da provincia. Nesta I edición, que tivo como fin promover e potenciar a actividade da muller no entorno económico e social lucense, participaron 51 empresarias e emprendedoras lucenses cos seus proxectos. Os premios contaron con 3 categorías: Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora.
No acto de entrega dos galardóns, tamén participaron a Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira, xunto ao representante de ABANCA, Walter Álvarez; o Delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e varias socias e representantes de AELU.
Santos Ramos felicitou a todas as participantes e gañadores deste certame e destacou que esta gala non sería posible sen a labor da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo, unha organización liderada por emprendedoras para emprendedoras e que leva 30 anos empoderando á muller traballadora na nosa provincia. Dende o Executivo Provincial celebramos e promovemos a vosa actividade e esforzo por recoñecer o papel das mulleres empresarias que activan o motor económico na provincia de Lugo.
O Deputado de Relacións Institucionais subliñou que esta primeira edición dos premios Son muller, sen dúbida, marcará o inicio dun camiño que incentive, aínda mais, que as mulleres se introduzan no ámbito empresarial da nosa provincia. Uns premios que servirán como plataforma para que estas traballadoras reciban, pola súa labor, o debido recoñecemento que se merecen.
A Alcaldesa de Lugo deu os parabéns ás mulleres que presentaron candidatura, ás finalistas, ás premiadas e á homenaxeada, e en xeral a todas as mulleres empresarias e emprendedoras de Lugo por contribuír co voso traballo ao desenvolvemento socioeconómico da nosa cidade. Lara Méndez felicitou á AELU por facer cidade coas vosas actividades e proxectos, ao que este ano sumades os Premios Son Muller. Unha iniciativa que reflicte o voso compromiso social, con todas as mulleres, co feminismo.
Neste senso, subliñou a importancia de sumar esforzos en favor do empoderamento e a visibilización da muller, como fai este premio, desde un colectivo profesional como o empresarial, porque o que no se ve non existe. Con esta tarefa estamos comprometidos no Concello de Lugo cunha ampla acción transversal que inclúe tamén uns galardóns encamiñados a este mesmo obxectivo, Entre Mulleres, que entregamos esta mesma mañá. Méndez incidiu en que manter na axenda social, política e mediática as reivindicacións das mulleres permitiranos dar pasos firmes cara a igualdade plena, real e efectiva.
Recoñecemento especial
Nesta primeira edición do certame recoñeceuse a Blanca García Montenegro, Presidenta do Grupo El Progreso, co Premio á longa traxectoria. A AELU, Deputación e Concello de Lugo recoñecen con este galardón especial o frutífero traballo desta pioneira empresaria lucense de prestixio.
Santos Ramos explicou que recoñecemos a traxectoria dunha muller que se fixo oco entre importantes cargos directivos galegos hai dúas décadas. Ao longo de todo este tempo, esta directora demostrou capacidade de liderado e xestionou con éxito grandes corporacións ata a actualidade, que xuntas conforman un importante papel social na nosa provincia. Moitas e moitos lucenses víronse beneficiados pola súa traxectoria profesional, pois a súa labor axudou a construír a identidade do noso pobo nas últimas décadas. Carreiras como as de Blanca supoñen todo un exemplo para outras mulleres que traballan día a día para incorporarse en altos cargos directivos. E por suposto, tamén para todas aquelas cativas que algún día serán grandes empresarias, esperemos, dentro dun panorama mais xusto e igualitario.
Sobre Blanca García Montenegro, a Alcaldesa de Lugo aludiu ao paralelismo da súa vida coa de Katherine Graham, editora do Whashington Post, que centra un libro e unha película, protagonizada por Meryl Streep, obras que definen a Graham como unha muller que, practicamente da noite á mañá, en circunstancias nada fáciles e no marco da máis poderosa sociedade, viuse obrigada a asumir o liderado dun apaixonante proxecto empresarial no que máis dunha vez tivo que poñer a proba a súa capacidade, os seus afectos, mesmo a súa propia identidade como persoa. Creo que este relato se adapta á perfección a situación vivida pola Presidenta do Grupo El Progreso, indicou a rexedora.
Premiadas
Os Premios Son Muller 2018 contaron cun xurado formado por representantes de AELU e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedades lucenses. As premiadas desta primeira edición foron:
- Son Empresaria rural: 1º premio para Champivil, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Muuhlloa, que recibirá un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas.
- Son Empresaria: 1º premio para Siente Galicia, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Gerosonajero, que terá un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas
- Son Emprendedora: 1º premio foi para Coeduca, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Tastelab, que recibirá un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas.