Deputación, Concello e ASPNAIS transforman o San José para atender a 300 persoas con capacidades diferentes

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Presidente de ASPNAIS, José Reigosa, comprobaron este mércores o avance das obras de transformación do antigo hospital San José na nova sede da Asociación de Padres o Tutores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo. Trátase da 1ª visita dende o inicio destes traballos para a que ASPNAIS quixo convidar á Deputación e ao Concello de Lugo, como principais institucións colaboradoras con esta iniciativa, pois o organismo provincial cedeu gratuitamente estas instalacións, dándolles un uso público e social; e a entidade luguesa financiou con 130.000 euros o proxecto.
Reigosa agradeceu a Méndez e Campos a súa colaboración e apuntou que as actuacións van a un ritmo trepidante. Dende que se puxeron en marcha, no mes de agosto, levouse a cabo o 30% do proxecto. Isto fai prever que se cumpra o prazo, e ata que se reduza, senón hai problemas, o seu período de execución, que é de 14 meses.
O Presidente de ASPNAIS subliñou que o traslado ao San José vai a supor que este colectivo social non só unifique os seus servizos, senón que ademais o duplique, pois gana un novo espazo de 10.000 metros cadrados. Poderán atender a 300 persoas con capacidades diferentes de toda a provincia, ofrecer 5 apartamentos para as familias, así como incrementar ata entre 65 e 70 as prazas residenciais. Neste senso, Reigosa explicou que é necesaria a implicación da Xunta de Galicia a través da concesión de prazas públicas para garantir a todas as persoas o acceso ás mesmas, xa que isto conleva reducir o seu custo nun 75%.
Campos remarcou que é un pracer ver como marchan a bo ritmo estas obras; ser testemuña de como se está facendo realidade este grande proxecto social polo que apostamos, dende o primeiro momento, Deputación, Concello de Lugo, e, por suposto, ASPNAIS; comprobar como un edificio da Deputación, que en definitiva é de todos os lucenses, vai a ter un verdadeiro uso público e social da man de ASPNAIS, poñendo en valor o patrimonio provincial. Parabéns a todos por este magnífica idea.
Lara Méndez definiu a obra do San José como un antes e un despois na traxectoria de ASPNAIS e puxo en valor a grande labor de inclusión social que leva realizando ao longo de cinco décadas. A Rexedora, que felicitou á asociación polo seu 50 aniversario, fixo fincapé na vocación social deste colectivo, que o Concello comparte, e así o demostra, dedicando o 21% do seu orzamento, uns 19 millóns de euros, ao benestar e á inclusión social.
Distribución do edificio
A distribución do edificio está dirixida a atención do maior numero de usuarios, atendendo as súas necesidades especificas. No soto, na parte esquerda, afincarase o departamento administrativo, e na parte dereita as cociñas e comedores. Na planta baixa, ubicaranse os talleres ocupacionais de xardiñeria, carpintería, xabóns, velas e alfombras. Tamén o centro de día e un salón de actos. No primeiro andar, estará a residencia con capacidade para entre 65 e 70 persoas, ademais da sala de usos múltiples. No segundo andar, haberá 5 apartamentos para maiores que teñan vinculación cos usuarios.