Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras da estrada que conecta Vilalba con Momán cun investimento de 200.000€

Vilalba
José Tomé Roca
Visita estrada LU-P-6513
Os traballos na LU-P-6513 consisten na reapertura das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización desde o inicio da vía á rotonda de acceso á autovía A8 e tamén a reposición de marcas viais desde o punto quilométrico 1,6 ao 17,3

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora da estrada provincial que conecta Vilalba con Momán, a LU-P-6513, cun investimento de 200.000€. Os traballos afectan a dous tramos da vía, desde o seu inicio ata a rotonda de acceso á autovía A8, e inclúen tamén a reposición de marcas viais desde o punto quilométrico 1,6 ata o 17,3.

Concretamente, no tramo que vai de Vilalba –desde a intersección entre a rúa Conde Pallares coa rúa Cidade de Betanzos- ata a conexión coa A8, a actuación consistirá na reapertura das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente, sinalización vertical e pintado mediante marcas reflexivas brancas. Desde aí, no punto quilométrico 1,6, e ata o 17,3 xa no concello de Xermade, o proxecto inclúe a reposición da sinalización horizontal. O prazo de execución destas obras é de 2 meses.

Trátase dunha actuación moi importante para a Terra Chá, porque este primeiro tramo transcorre polo casco urbano vilalbés -dando servizo directo á rúa Cidade de Betanzos, rúa da Ferrería e o Camiño do Rollo- e ten moito volume de tráfico porque é a vía que emprega a veciñanza de varias parroquias do rural para acudir á vila e a Xermade. Ademais enlaza coa LU-P-2204, que comunica o núcleo xermadés de Momán coas Pontes de García Rodríguez, na  provincia da Coruña.