Cervantes reúne pandeiras de Lugo, Asturias e Castela e León coa colaboración do Goberno da Deputación, Concello e veciños

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e a Presidenta da Asociación Cultural O Teixeiro, Isolina Rodríguez, presentaron este xoves, no Pazo de San Marcos, a XII Festa da pandeira, que terá lugar este sábado, 26 de agosto, na parroquia de Donís, no municipio cervantino.
É unha das citas máis consolidadas na Serra dos Ancares, que promove a tradición musical da contorna. Reunirá a case unha decena de pandeiras de Lugo, Asturias e Castela León, consideradas como as mellores destas zonas. Haberá obradoiros gratuítos para aprender a tocar este instrumento e os seus bailes da man de profesionais.
Santos Ramos subliñou que o Goberno Provincial converte á Deputación na principal patrocinadora desta cita, cunha achega de 2.500 euros, a través do Plan Estratéxico de Turismo, colaborando, deste xeito, co Concello de Cervantes e cos veciños. Facémolo dentro da nosa aposta polo impulso das nosas tradicións como un factor diferencial de cada un dos municipios lucenses, capaces de xerar riqueza ao promover o turismo. Tamén porque contribuímos a manter unha cita que pon en valor as pandeiras, un instrumento moi arraigado á nosa historia, que durante anos serviu para dar voz ás mulleres, ás que hoxe queremos, non só recoñecer, senón dar máis e máis voz.
Programación
A XII Festa da Pandeira do Piornedo, que reunirá a máis de 300 persoas, ofrecerá a seguinte programación de actividades:
- Ás 11:30 horas comezará o obradoiro de baile con pandeira.
- Ás 13:00 horas terá lugar a chegada das tocadoras e colaboradoras a Piornedo dende os seus lugares de residencia.
- Ás 14:00 horas na escola do Piornedo comezará o xantar homenaxe, co obxectivo de reforzar lazos de fraternidade.
- Ás 16:00 horas Charla-Coloquio sobre a pandeira a cargo de Rafael Busto (Ponferrada) e Xermán Muiños (Santiago de Compostela).
- Ás 17:00 horas no Quintairo das ovellas de Piornedo, comezarán as actuacións das tocadoras e grupos participantes.
- Ás 20:00 horas terán lugar as interpretacións espontáneas por parte do público que queira sumarse á festa.