Deputación de Lugo

Comezan os traballos de mellora da estrada que une o núcleo urbano de Guitiriz co Barrio do Merendero, na que o Goberno da Deputación inviste 165.000 euros

- Campos Conde, Santos Ramos e Polín Rodríguez, supervisaron o inicio das obras de rehabilitación do firme dun treito de 2,4 quilómetros, comprendidos entre os puntos quilométricos 5 e 7,4
- O Presidente puxo en valor “o esforzo inversor que o Goberno da Deputación fai en todos e cada un dos municipios da provincia na mellora de estradas, pois somos conscientes da necesidade de dotar aos veciños da provincia dunhas infraestruturas e comunicacións que, con seguridade, faciliten o seu día a día”
- Regina Polín, agradeceu a constante colaboración da Deputación na mellora dos servizos dos municipios lucenses, “pois ademais de acondicionar estradas da súa titularidade, inviste unha grande cantidade de fondos na mellora de estradas municipais”
- Estas obras, que responden a unha demanda histórica dos veciños, execútanse nunha das estradas máis importante do municipio, que posúe moito transito pois une os núcleos dos Vilares, Buriz e Labrada, nos que hai unha grande actividade agrogandeira

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, supervisaron este xoves o inicio dos traballos de mellora que se están a realizar na estrada LU-P-2301, a vía que une o núcleo urbano deste municipio co barrio do merendero, e na que o Executivo Provincial inviste 165.237 euros.

Campos Conde puxo en valor “o esforzo inversor que o Goberno da Deputación fai en todos e cada un dos municipios da provincia na mellora de estradas, pois somos conscientes da necesidade de dotar aos veciños da provincia dunhas infraestruturas e comunicacións que, con seguridade, faciliten o seu día a día”. Neste senso, o Presidente lembrou que a provincia de Lugo conta coa rede de estradas provinciais máis extensa do estado, uns 4.200 quilómetros, e que, durante esta anualidade, e grazas a un investimento de 15 millóns de euros, “poderanse acondicionar uns 1.200 quilómetros, o que representa o 50% do total”.

Pola súa banda, Regina Polín, agradeceu a constante colaboración da Deputación na mellora dos servizos dos municipios lucenses, “pois ademais de acondicionar estradas da súa titularidade, inviste unha grande cantidade de fondos na mellora de estradas municipais”.

A rexedora explicou que estas obras responden a unha demanda histórica dos veciños do Concello pois, a excepción da N-6, é a estrada máis importante que atravesa o municipio, sendo unha das máis transitadas pois Os Vilares, Buriz e Labrada, núcleos de poboación cunha grande actividade agrícola e gandeira.

Os traballos consisten na rehabilitación do firme nun treito de 2,4 quilómetros, comprendidos entre os puntos 5 e o 7,4, coa aplicación de aglomerado en quente, limpeza de cunetas, e incremento da seguridade, co repintado e instalación de sinalización horizontal e vertical.