Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación e o CB Breogán poñen en marcha unha nova campaña de doazón de sangue

Lugo
Breogán
Presentación campaña doazón de sangue
O vindeiro partido do equipo celeste no Pazo dos Deportes, que se celebrará este sábado 13 de outubro, estará dedicado a promover a doazón entre a cidadanía

López Izquierdo subliñou que “consideramos que o CB Breogán é unha estupenda plataforma para facer chegar á cidadanía a importancia de realizar un xesto altruísta e sinxelo como é doar sangue, un xesto que pode incluso salvar vidas”

Rivera Capón engadiu que “as 50 primeiras persoas que se acheguen a doar, recibirán como obsequio unha entrada dobre, para poder asistir, de xeito gratuíto, ao encontro que o CB Breogán disputará ante o Movistar Estudiantes”

O xoves 11, día durante o que se fará entrega das entradas para o encontro do sábado, a unidade móbil estará na Porta de San Fernando, de 09:30 a 14:30 horas, e a carón da Subdelegación do Goberno dende as 15:30 ata as 21:00 horas

Esta é a 2ª ocasión na que o Goberno da Deputación pon en marcha unha campaña de doazón de sangue en colaboración co Breogán. O pasado ano, rexistrouse a participación de 107 cidadáns, dos cales 9 realizaban por primeira vez unha doazón

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Director Deportivo do CB Breogán, Enrique Fernández Fraga, e a Directora Xeral de ADOS (Axencia de Doazón de Órganos e Sangue), Marisa López García, presentaron unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación, polo cal, o vindeiro partido do Breogán no Pazo dos Deportes, que se celebrará este sábado 13 de outubro, estará dedicado a promover a doazón de sangue.

López Izquierdo subliñou que “consideramos que o CB Breogán é unha estupenda plataforma para facer chegar á cidadanía a importancia de realizar un xesto altruísta e sinxelo como é doar sangue, un xesto que pode incluso salvar vidas. Así, dende o Executivo queremos convidar a todos os lucenses a que se acheguen a doar durante esta semana, e animalos a que o continúen facendo no futuro, de aí que unamos sinerxías co equipo celeste poñendo en marcha esta iniciativa de sensibilización, que se enmarca dentro do contrato de patrocinio que temos asinado”.

Así mesmo, Rivera Capón engadiu que “as 50 primeiras persoas que se acheguen a doar durante a xornada do xoves, recibirán como obsequio unha entrada dobre cuxo custe asume a Deputación, para poder asistir, de xeito gratuíto, ao encontro que o CB Breogán disputará o sábado no Pazo dos Deportes ante o Movistar Estudiantes”.

Actualmente, as reservas dos grupos sanguíneos B Negativo, AB Positivo e AB Negativo teñen un nivel bo, mentres que é recomendable incrementar as reservas dos grupos A Positivo, A Negativo, Cero Positivo, Cero Negativo, e B Positivo. A comunidade galega ocupa o 4º posto en número de doazóns a nivel nacional. Concretamente, na provincia de Lugo rexistráronse 8.500 doazóns durante o pasado ano.

A unidade móbil de ADOS situarase o mércores 10 no IES As Mercedes de Lugo dende as 09:30 ata as 14:30 horas; a carón do Concello do Cádavo, en Baleira, de 16:00 a 18:30 horas; e, finalmente, a carón do Concello de Castroverde, de 19:00 a 21:00 horas. O xoves 11, día durante o que se fará entrega das entradas para o encontro do sábado, a unidade móbil estará na Porta de San Fernando, de 09:30 a 14:30 horas, e a carón da Subdelegación do Goberno dende as 15:30 ata as 21:00 horas.

Máis dun centenar de doazóns durante a pasada campaña
Esta é a segunda ocasión na que o Goberno da Deputación pon en marcha unha campaña de doazón de sangue en colaboración co CB Breogán. O pasado ano, rexistrouse a participación de 107 cidadáns, dos cales nove realizaban por primeira vez unha doazón de sangue. En total, repartíronse 214 entradas, cuxo custe asumiu o organismo provincial, dentro do contrato de patrocinio que ambas entidades asinaron a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto.

Punto de doazón de sangue en Lugo
Ademais das unidades móbiles, ADOS dispón de sete puntos fixos de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas. En Lugo este punto sitúase no Hospital Lucus Augusti (cuarto andar, fronte as escaleiras mecánicas do acceso principal), e ten un horario de inverno (de outubro a marzo) de 8:00 a 22:00, os luns e os venres, e de 8:00 a 15:00, os martes, mércores e xoves. O horario de verán (de abril a setembro) é de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres. As doazóns de sangue recollidas nas unidades móbiles e nos locais de doazón envíanse a diario ao Centro de Transfusión de Galicia (CTG), situado no campus universitario de Santiago, para o seu procesamento, análise e conservación.