Os veciños de Vilademouros, no Incio, disporán da 1ª pista polideportiva grazas ao Goberno da Deputación

O Presidente sinalou que “traballamos para ofrecer a todos os veciños da provincia servizos públicos nos Concellos, porque son necesarios e xustos para garantir a igualdade de oportunidades vivas onde vivas e combater o despoboamento”
Trátase da segunda colaboración do organismo provincial con esta comunidade, pois xa financiou o acondicionamento do interior do centro social cunha achega de 19.000 euros. Son, polo tanto, 35.000 euros da Deputación para mellorar os servizos desta parroquia do Incio
A Asociación de Veciños San Miguel de Vilademouros, no Incio, disporá dunha pista polideportiva, grazas a un investimento de 18.000 euros da Deputación. Así o informou o Presidente da Deputación, e a Alcaldesa, Laura Celeiro García, nun encontro que mantiveron cos veciños de dito colectivo, no que Campos Conde lles avanzou esta axuda. O Presidente da Deputación decidiu colaborar neste proxecto, por tratarse dunha das demandas dos veciños e habitantes da parroquia de Vilademouros pois ata o de agora non contaban con instalacións para a práctica deportiva. Estas instalacións poderán dar servizo a centos de veciños, tanto os do propio colectivo como ás persoas da parroquias e concellos limítrofes.
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, sinalou que “traballamos para ofrecer a todos os veciños da nosa provincia servizos públicos nos seus Concellos porque son necesarios e xustos para garantir a igualdade de oportunidades vivas onde vivas e combater o despoboamento demográfico. Ademais, apostamos pola promoción do deporte como un hábito de vida saudable”.
Trátase da segunda colaboración do organismo provincial con esta comunidade, pois xa financiou o acondicionamento do interior do centro social cunha achega de 19.000 euros. Son, polo tanto, 35.000 euros da Deputación para mellorar os servizos desta parroquia de O Incio.
Actividades colectivas e deporte
A pista polideportiva, que se edificará na contorna do local social da Asociación de Veciños San Miguel de Vilademouros, construirase nunha explanada de 1.700 metros cadrados e complementará o espazo dedicado a actividades do colectivo veciñal, especialmente a programación das clases de baile, magosto e outras festas gastronómicas.
Contará co equipamento necesario para realizar actividades ao aire libre e celebrar partidos de fútbol, baloncesto ou tenis, así como distintos torneos deportivos.