Deputación de Lugo
Emprego

23 persoas comezan a traballar na Deputación grazas ao plan de emprego Primeira Oportunidade

Emprego
Primeira oportunidade
23 persoas comezan a traballar grazas ao plan de emprego 'Primeira Oportunidade'
O Presidente, xunto a membros do Executivo Provincial, deron a benvida aos 23 novos empregados que comezaron a traballar na Institución a través desta iniciativa, coa que o Goberno busca reter o talento lucense e evitar a fuga de talento

Campos Conde sinalou que “con esta programación tratamos de ofrecer experiencia a mozos que remataron os estudos e buscan acceder ao mercado laboral, así como a persoas que non tiveron a oportunidade de traballar no sector no que se formaron”

Trátase de contratos en prácticas cunha duración de 2 anos, que se deseñaron en base á oferta formativa da provincia e atendendo ás necesidades dos servizos da Deputación, o que suporá, ao mesmo tempo, unha mellor atención aos cidadáns

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantiveron un encontro este venres cos 23 novos empregados que comezaron a traballar na Deputación grazas ao programa Primeira Oportunidade. A través desta iniciativa, o Executivo Provincial ofrece a posibilidade de ter unha primeira experiencia laboral a recén titulados en Formación Profesional e Graos impartidos na provincia de Lugo, así como a persoas que, pese a ter traballado noutros eidos, non tiveron a oportunidade de desenvolverse no seu ámbito profesional específico.

Durante o encontro, os novos empregados que acaban de incorporarse á Institución Provincial, asinaron os seus contratos laborais. Campos Conde deu a benvida aos traballadores e sinalou que “con esta programación de emprego tratamos de ofrecer experiencia a mozos que remataron os estudos e buscan acceder ao mercado laboral, así como a persoas que non tiveron a oportunidade de traballar no sector no que se formaron, ao mesmo tempo que reforzamos os servizos da Deputación, podendo ofrecer unha mellor atención aos cidadáns”.

Nesta liña, o Presidente puxo en valor a necesidade de reter o talento lucense e evitar a fuga de talento, “un problema ao que damos resposta, poñendo en marcha esta liña de emprego. Deste xeito, ofrecemos saídas e experiencia laboral na nosa provincia, apoiando a un dos colectivos con maiores dificultades á hora de conseguir un posto de traballo: mozos que recentemente acaban de rematar os estudos e buscan o seu primeiro emprego. Esta programación é un exemplo máis da nosa preocupación por un dos sectores máis castigados e con maior taxa de paro como é o xuvenil”.

Perfís contratados
Trátase de contratos en prácticas cunha duración máxima de 2 anos que se deseñaron en base á oferta formativa lucense en Formación Profesional e estudos de Grao, así como atendendo ás necesidades dos servizos da Deputación. Os perfís contratados dentro do Plan de Primeira Oportunidade son:

- Graduado en administración e dirección de empresas
- Técnico superior en administración e finanzas
- Técnico superior en desenvolvemento de aplicacións web
- Técnico superior en marketing e publicidade
- Técnico superior de artes plásticas e deseño en fotografía artística
- Titulado superior en deseño gráfico
- Técnico superior en administración de sistemas informáticos en rede
- Técnico superior en asistencia á dirección
- Enxeñeiro agrónomo
- Enxeñeiro técnico en topografía
- Técnico en xestión forestal e do medio natural
- Enxeñeiro técnico agrícola
- Graduado en humanidades
- Técnicos superior en sistemas de telecomunicación e informáticos

 

23 persoas comezan a traballar grazas ao plan de emprego 'Primeira Oportunidade'