Os comuneiros da Serra do Xistral fórmanse na venda de produtos agrogandeiros vinculados a este territorio
Os comuneiros da Serra do Xistral fórmanse este sábado sobre a venda de produtos agrogandeiros vinculados a este territorio gracias a un seminario que organiza a Deputación de Lugo na Casa da Cultura do Valadouro. A xornada técnica, na que participou o deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, enmárcase dentro do proxecto europeo LifeInCommonLand e ten como obxectivo conseguir o aproveitamento sostible desta zona protexida.
“Traballamos da man das universidades de Santiago e A Coruña e dos veciños e veciñas do territorio para poñer en valor este espazo natural incluído na Rede Natura 2000, porque só entre todos seremos capaces de coidar e poñer en valor este ecosistema único”, comentou García Pernas.
O seminario ofreceu exemplos de boas prácticas que se están a desenvolver noutros espazos naturais protexidos de Galicia para impulsar a comercialización dos produtos agrogandeiros propios do territorio, que abrangue os concellos de Abadín, Muras, O Valadouro e Ourol, e parte dos de Viveiro e Xove.
Destacaron no Valadouro proxectos como a venda online da carne dos Ancares, a comercialización de carne de boi na Reserva da Biosfera Área de Allariz ou da Marca Pastores de Galicia, e a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, entre outros.
O obxectivo desta acción formativa é mellorar o desenvolvemento rural a través da capacitación dos propietarios dos montes, gandeiros, e comunidades de montes veciñais en man común do territorio da Serra do Xistral. A través desta formación preténdese que a poboación local coñeza as posibilidades dos recursos naturais do seu entorno para evitar o abandono das actividades tradicionais nestes hábitats protexidos e preservar este ecosistema único e de gran valor natural.