A Deputación compra 220.000 unidades de materiais de protección para persoal propio e para distribuír na provincia
Os servizos de Prevención e Benestar Social determinaron nun informe as cantidades necesarias de materiais e equipos, que se destinarán á protección fronte ao Covid-19 do persoal da institución, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta, e para cubrir as necesidades da provincia
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, informa de que a institución provincial realizou un pedido de 220.000 unidades de material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus Covid-19. Tomé Roca asinou un decreto que ordena a contratación, mediante tramitación de emerxencia, do subministro dun total de 112.300 mascarillas, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro, por un importe de case 140.000€ con fondos propios.
O mandatario provincial explica que se adquire este material para a protección fronte ao virus do persoal propio da Deputación, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta a institución, como son por exemplo os centros de atención a maiores de Pol, Trabada e Ribadeo, e tamén para a súa distribución no conxunto da provincia “para axudar a paliar as necesidades que se van a producir cando empece a desescalada polo levantamento paulatino do Estado de Alarma”.
En concreto, o pedido está composto por 100.000 mascarillas cirúrxicas, 12.000 mascarillas FFP2, 300 mascarillas FFP3, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro. A cantidade de material adquirida pola Deputación está amparada nun informe técnico elaborado polos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social no que determinaron as necesidades a cubrir.
“Empezaremos a recibir material esta semana e agardamos que a semana que vén xa teñamos aquí practicamente o total do pedido. Diversificamos a compra en tres empresas diferentes para minimizar riscos ante as dificultades que a saturación da demanda provoca no mercado”, explica Tomé Roca.
“Dende o Goberno da Deputación imos a seguir colaborando cos concellos para que os veciños e veciñas da provincia de Lugo estean o máis protexidos posible, e para lograr este obxectivo, en función de como evolucione a pandemia, dende a Deputación estaremos atentos a outras posibles colaboracións para o benestar de todos”, subliña o Presidente.
“A Deputación é a institución máis próxima aos concellos, e polo tanto á veciñanza, e temos que estar con eles para afrontar a crise do coronavirus unidos e en total coordinación e cooperación, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliña o Presidente.
Así mesmo, José Tomé manifesta que na Deputación “dedicamos todos os esforzos a combater os efectos da pandemia do coronavirus na nosa provincia, por iso estamos tomando medidas de forma continua para frear e paliar o seu impacto negativo”.
Inxección de 21,6M€ nos concellos
A Deputación decidiu inxectar máis de 21,6M€ nos concellos para facer fronte á crise, 10,6 millóns a través do Plan Único de Cooperación, que o Goberno provincial decidiu adaptar para facilitar recursos aos municipios e que poidan responder con maior axilidade e eficacia ao novo escenario de prioridades e necesidades sociais aos que se enfrontan, e 11 millóns co adianto dos pagos mensuais previstos ata xuño aos concellos que teñen delegado na institución a xestión e cobro de impostos municipais, o que lles proporcionará maior liquidez para tomar medidas ante a pandemia ou para axilizar pagos a empresas e provedores.
Como medidas de protección e contención do virus, a Deputación tamén procedeu á limpeza e desinfección de todas as dependencias provinciais e realiza estas labores de maneira preventiva dúas veces á semana en cada unha das súas residencias.