Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Deputación apoia con 18.000€ a actividade da Confraría Provincial de Pescadores

pesca
A Mariña
pescadores
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé  e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, José Basilio Otero asinan un convenio de colaboración
O Presidente asinou coa entidade un convenio de colaboración, “unha mostra máis do apoio que a Deputación ofrece ao tecido produtivo da provincia, sempre, pero sobre todo nestes momentos de crise provocada pola pandemia sanitaria”, subliñou José Tomé

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, José Basilio Otero Rodríguez, asinaron este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio a través do que a institución provincial achega á entidade mariñana 18.000€ para colaborar co seu funcionamento e actividade. 

José Tomé subliñou que esta aportación económica “é unha mostra máis do apoio que a Deputación ofrece ó tecido produtivo da nosa provincia, sempre, pero sobre todo neste momentos de crise provocada pola pandemia sanitaria”. “O tecido produtivo traballa para recuperarse do duro golpe que supuxo o parón do coronavirus e esta institución ten un claro compromiso para acelerar esa reactivación” en sectores como o pesqueiro, que, segundo datos da propia Confraría, xera un valor na lonxa coas descargas de uns 100M€ ao ano.

“Necesitamos a riqueza que xera o noso mar, a nosa pesca. Temos que defender esa rede de empregos, en moitos casos de carácter familiar, que fixa poboación e que mantén as características sociais e culturais da Mariña”, sinalou Tomé Roca.

Precisamente, “contribuír ao mantemento da actividade económica e do emprego que xera o mar da Mariña” é o que busca a Deputación con este convenio coa Confraría Provincial de Pescadores, afirmou o Presidente, un apoio “especialmente necesario este ano e neste momento, cando a comarca da Mariña atravesa unha situación moi difícil, tras o rebrote do coronavirus, que provocou un novo parón da economía, e pola crise de Alcoa. Ademais de defender, por suposto, os postos de traballo e a actividade industrial de Alcoa, a Deputación de Lugo está comprometida coa defensa da xente do mar, coa actividade pesqueira, e demostrámolo con esta aportación económica”, recalcou José Tomé.

Este convenio de colaboración inclúe accións como a divulgación do sector; o asesoramento a confrarías; a actualización de sistemas informáticos ou a organización do Congreso de Pesca Artesanal que se vén celebrando cada ano desde o 2015. Neste senso, o Presidente expuxo que a Deputación seguirá apostando polo modo de entender a pesca da Federación de Confrarías de Pescadores. “Un modelo de pesca tradicional, sostible, comprometido co medio ambiente e asentado nun coñecemento do mar que pasa de xeración en xeración.”