Menu toggle
Medioambiente

A Deputación favorece o turismo activo coa sinalización de dez rutas ciclistas na Montaña


Os itinerarios, que atravesan os concellos de Navia de Suarna, A Fonsagrada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Cervantes, ofrecen ao visitante un xeito diferente de coñecer o patrimonio natural, cultural e etnográfico da provincia


A Deputación de Lugo traballa por consolidar a provincia como un destino turístico de calidade, non masificado e que xere unha actividade económica e emprego sostible aproveitando e poñendo en valor para elo a gran riqueza medioambiental do territorio. Con este obxectivo, o organismo provincial impulsa diversas liñas de actuación, entre as que destacou a sinalización de dez rutas ciclistas na comarca da Montaña que discorren por estradas da rede viaria provincial e que empregan numerosos ciclistas.
Os itinerarios atravesan lugares con escaso tráfico e cunha variedade paisaxística que convida a desfrutar de cada quilómetro percorrido. Con este proxecto, a Deputación favorece o turismo activo de bicicleta de montaña, apostando por ofrecerlle ao visitante outro xeito atractivo de coñecer o patrimonio natural, cultural e etnográfico da provincia, o que tamén promove a súa conservación e sostibilidade.

Sinalizáronse dez rutas cicloturísticas, que percorren diferentes puntos dos concellos de Navia de Suarna, A Fonsagrada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Cervantes. Estas rutas en bicicleta parten dende A Fonsagrada e dende Navia de Suarna, ambos territorios caracterizados por ter grandes montañas, o que fai posible que actividades ao aire libre, como o ciclismo, encontren aquí un marco idóneo. 
Estas rutas pasan polas reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, o Xeoparque Montañas do Courel, espazos naturais protexidos e numerosos recunchos de gran beleza e diversidade. Só ou acompañado, o ciclista pode redescrubir as construcións tradicionais como castelos, castros, vestixios romanos ou as aldeas como Piornedo e O Cebreiro coas súas típicas pallozas. 

Con este proxecto colocáronse unha trintena de carteis de madeira e metal que indican as rutas e portos, como os de Barraca, Serra Morela, Os  Ancares, 7 Carballos ou Vilasol, entre outros. Unhas accións que se engloban na fase inicial, e que darán paso á segunda, que ten como obxectivo estender este proxecto a outras zonas, como O Courel e O Xistral, ata completar o conxunto do territorio da Montaña lucense. 

O Camiño Francés é outro dos atractivos, xa que é o máis transitado e coñecido, pero tamén o Camiño Primitivo e a Vía Kuning que atravesan esta zona, porta de entrada a Galicia polo norte.

As rutas

  • Arqueira, Ibias, Pedras, A Fonsagrada, Moreira.
  • Folgueiras, Zarco, Piornedo.
  • A Fonsagrada – Sarria.
  • A Fonsagrada, Carballido, Garganta Taramundi, A Pontenova.
  • A Fonsagrada, A Pontenova, Barraca Hospital.
  • Laviadas, Piornedo, Ancares, Folgueiras.
  • Navia de Suarna, A Fonsagrada, Oscos.
  • Navia de Suarna, Grandas Berduces, Pedras Apañadas.
  • Navia de Suarna, Ancares Pedrafita.
  • Navia de Suarna, Piornedo, Degrada, Doiras, Gatín.

Os traballos de sinalización consistiron na instalación de 28 carteis nos 6 concellos da Montaña. Nos municipios de Navia de Suarna e A Fonsagrada colocáronse dous grandes carteis informativos das rutas do entorno, elaboráronse en madeira de pino tratado; levan un tellado fabricado con estrutura e soporte de serigrafía en taboleiro contrachapado cun vinilo baixo metacrilato. O resto dos carteis metálicos son de aceiro galvanizado e levan a impresión da información con protección UV e reflexivos.

Maís información e rutas: https://montanadelugociclista.es/

 

 

FotoRutaCiclo1

 

FotoRutaCiclo2