O Presidente apela aos valores de Concepción Arenal “para seguir avanzando no camiño da igualdade e a dignidade”

“A mellor homenaxe que lle podemos facer é manter vivas as súas reivindicacións. E denunciar hoxe con contundencia todo aquelo que ela denunciaría se aínda estivese entre nós”, subliñou o mandatario provincial
As conferencias, que se celebran entre hoxe e mañá, retransmítense en directo a través da canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais da Deputación
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo, Elvira Paloma Fernández, inauguraron este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos as XXXIV Xornadas Penitenciarias Lucenses, que este ano están dedicadas á figura de Concepción Arenal polo 200 aniversario do seu nacemento. As conferencias, que se celebran entre hoxe e mañá por primeira vez de maneira on line, retransmítense en directo a través da canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais da Deputación.
José Tomé apelou na súa intervención a ter presentes os valores de Concepción Arenal.
“De ter que vivir os tempos que nos tocan, seguro que atopaba moito terreo para aportar tanto a súa crítica como as súas propostas de reformas, na loita contra a violencia machista, contra o racismo e a xenofobia, contra a desigualdade salarial entre mulleres e homes, contra a pobreza ou na atención ós inmigrantes. Seguimos necesitando ler as súas obras se queremos seguir avanzando polo camiño da igualdade e da dignidade”, subliñou o Presidente.
“A mellor homenaxe que lle podemos facer a esta ferrolá que morreu en Vigo, galega verdadeiramente universal, é manter vivas as súas reivindicacións. E denunciar hoxe con contundencia todo aquelo que ela denunciaría con intelixencia se aínda estivese entre nós”, asegurou Tomé, aludindo, entre outras cuestións á igualdade entre mulleres e homes. “Desgraciadamente, comezamos o século XXI con crises económicas e sociosanitarias que seguen a prexudicar máis ás mulleres. O paro medra antes en feminino. E os recortes sociais teñen tamén un sesgo negativo de xénero. Xorden ademais voces políticas que recuperan sen rubor o machismo máis rancio. Voces que pretenden convencernos de que construiremos mellor o futuro se apelamos ó peor do pasado. Hai que dicirlles que non. Que iso é imposible. E facelo con enerxía, sen vacilacións”, recalcou o mandatario provincial.
O Presidente felicitou así mesmo á Asociación Concepción Arenal pola organización e a traxectoria das xornadas. “Cando un evento supera as tres décadas de existencia, os números deixan de ser unha cantidade e pasan a converterse nun refrendo de acerto, de bo traballo e de calidade. Son 34 anos mantendo vivo o espírito analítico, ilustrado e reformista de Concepción Arenal. Recuperando a súa obra e reflexionando arredor dela, en torno ó pasado, o presente ou o futuro do dereito, da situación nas cárceres ou dos dereitos e dignidades das persoas”, afirmou.
A programación
As xornadas titúlanse Ano CC Concepción, en alusión ao segundo centenario do seu nacemento en Ferrol. Logo da apertura das xornadas, participou a través dun vídeo Laura Maña, directora da película Concepción Arenal, la visitadora de cárceles e tivo lugar unha conferencia da profesora da Universidade de Barcelona, Anna Caballé.
Mañá martes, a ponencia será a cargo da Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias entre o 2004 e o 2011, Mercedes Gallizo Lamas.