Deputación de Lugo

A Deputación colabora con Expomar para impulsar o sector pesqueiro da Mariña e os produtos do mar

Expomar
Burela
Xornadas Técnicas Expomar Pablo Rivera
O Deputado de Promoción Económica e Social participou telematicamente nas xornadas técnicas de Expomar 2021: Odisea en la pesca, que teñen como obxectivo facer unha análise da situación pesqueira desde o punto de vista das administracións

A institución provincial achega 10.000€ para as actividades da Fundación Expomar, que “xoga un papel moi importante para o dinamismo da economía mariñá e do conxunto da provincia”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou de xeito telemático este xoves nas xornadas técnicas de Expomar 2021: Odisea en la pesca, organizadas pola Fundación Expomar. Esta cita anual combina este ano o formato presencial e telemático co obxectivo de achegar aos asistentes a situación na que se atopa o sector pesqueiro dende o punto de vista das distintas administracións, europea, española e galega. 

A Deputación de Lugo colabora coa Fundación Expomar para impulsar o sector náutico pesqueiro da Mariña e a comercialización dos produtos do mar. Faino cunha achega de 10.000 euros para apoiar actividades promocionais do sector da pesca como esta cita ou Produart, agora adaptadas á situación sanitaria actual. O Deputado afirmou que este evento “xera novas oportunidades de negocio para o crecemento do sector pesqueiro e do turismo náutico, ambas actividades estratéxicas para o desenvolvemento económico da Mariña e da provincia de Lugo”. 

Rivera Capón destacou que “a Deputación aposta pola pesca e a náutica, polos empresarios do mar e polos profesionais que traballan nel colaborando unha vez máis coa Fundación Expomar”. Así mesmo a Deputación mantén unha estreita colaboración coa Federación Provincial de  Cofrarías de Pescadores de Lugo e realizou unha proposta formativa para redeiras.