Deputación de Lugo
Emprego

700 establecementos de toda a provincia súmanse aos Bonos Impulso da Deputación de Lugo

Deputación de Lugo
Plan Impulso
bonos impulso
Bonos Impulso Foz
Técnicos provinciais visitarán cada un dos negocios adheridos para explicar o seu funcionamento de forma individualizada, resolver dúbidas e repartir os distintivos que os identifican como participantes na campaña de descontos

Esta medida recollida no Plan de Impulso da Economía da Provincia da institución provincial é unha aposta por xerar actividade económica nos 67 concellos da provincia - Repartiranse 17.000 bonos nominativos de 30€, que terán efecto multiplicador nos negocios, pois para poder usalos haberá que realizar unha compra ou consumición mínima de 60€

Nos vindeiros días abrirase o prazo para que a veciñanza interesada solicite o seu Bono Impulso, que deberá gastar nos locais adheridos do concello no que resida

Preto de 700 establecementos de toda a provincia se sumaron aos Bonos Impulso da Deputación de Lugo unha medida recollida no Plan de Impulso da Economía da Provincia coa que a institución provincial busca inxectar máis de 1,5M€ ao comercio, hostalería e turismo para axudarlles a paliar a crise económica derivada da Covid-19. 

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que, “unha vez finalizado onte a fase de inscrición de establecementos, nos vindeiros días publicaremos a listaxe de participantes definitiva e farémoslles chegar a cada local un distintivo da súa adhesión ao programa para facilitar que os veciños e veciñas saiban onde poderán canxear os seus bonos”. 

Segundo informou Rivera, “técnicos da Deputación de Lugo visitarán a cada un dos negocios inscritos para explicar o seu funcionamento de forma individualizada, resolver dúbidas e repartir os distintivos”. Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os negocios poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo, a institución provincial ten habilitado o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org e o teléfono 982.260.204 para calquera dúbida que poida xurdir. 

A Deputación de Lugo destina a este programa 510.000€, pero terá un efecto multiplicador porque para utilizar os descontos, de 30€, as persoas deberán facer unha compra ou consumición mínima de 60€. Repartiranse 17.000 bonos entre a poboación da provincia de tal forma que as persoas beneficiarias gasten o seu bono no concello no que residen, “unha medida que nace co propósito de que haxa actividade económica en todos e cada un dos 67 municipios que conforman a provincia. Por iso, cada persoa que teña un bono só o poderá gastar nos establecementos adheridos do seu municipio”, apuntou o Deputado.

Na páxina web da Deputación de Lugo habilitarase nos vindeiros días un espazo no que todos os maiores de 18 anos empadroados na provincia poderán pedir o seu desconto para gastar nos establecementos adheridos do seu concello. En cada municipio haberá un reparto equitativo dos bonos seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a isto, a Deputación establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. 

Os bonos poderanse gastar en todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías. Asignaranse por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa. Os beneficiarios recibirán na súa casa o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono será nominativo, é dicir, levara o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra. 

De non esgotarse todos os bonos nesta primeira fase de solicitude, a Deputación de Lugo habilitará novos prazos e realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.

 

Efecto multiplicador

Pablo Rivera explicou que os 510.000€ destinados aos Bonos Impulso supoñen “unha inxección económica moi relevante en termos de consumo porque segundo os estudos económicos dos técnicos o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres”. O responsable de Promoción Económica e Social explicou que “unha gran parte dos autónomos e das pequenas empresas atravesan momentos difíciles,  por iso queremos axudar á súa recuperación con esta importante medida. Os Bonos Impulso da Deputación son un incentivo para apoiar ás empresas e ás familias, promoven a actividade nas tendas de barrio e nos negocios de sempre, e axudan á concienciación da relevancia social que teñen no noso día a día”.