Deputación de Lugo
Turismo

A Deputada de Turismo valora a unión de produtos locais e o Camiño do 2º congreso ...E para comer, Lugo

turismo
APEHL
Congreso APEHL
Pilar García Porto participou no encontro promovido pola Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo da Provincia no MIHL co fin de poñer en valor e dinamizar estas actividades económicas

A Deputada destacou a liña permanente de colaboración co sector e lembrou as iniciativas da institución para apoiar a súa recuperación, como os Bonos Impulso e os programas Actívate, Saborea a túa provincia e Coñece a túa provincia, ademais da convocatoria dos segundos premios provinciais ó turismo e á gastronomía

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu este sábado ao segundo congreso gastronómico e cultural …E para Comer, Lugo no Camiño, que tivo lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), esta cita busca promover o sector hostaleiro e turístico da provincia, dous dos máis afectados polas restricións sanitarias da Covid-19 e cos que a Deputación de Lugo está a colaborar para a súa recuperación a través de diferentes iniciativas. 

García Porto valorou a aposta da APEHL por este encontro. “Acerta ao ó xuntar dunha parte o Camiño, nun ano no que esperamos que se recupere o fluxo de peregrinos que visitan a provincia polas diferentes rutas que a atravesan, e doutra parte os produtos de proximidade, reforzando así o circuíto económico local, que pon en colaboración ós pequenos produtores cos chefs da súa zona, que reactiva a economía dos nosos pobos, vilas e cidades, e que xera emprego e fixa poboación. Unha aposta polo local que se ve amplificada ó entrar en contacto coas grandes liñas de divulgación e de promoción da nosa terra como son as rutas do Camiño e a celebración do dobre Xacobeo”.

A Deputada reiterou o “compromiso da Deputación co impulso da hostalería e o turismo como unha das liñas fundamentais do noso proxecto para a provincia. A través do Consello Provincial de Turismo e mediante accións co tecido asociativo, “unha colaboración que se incrementou aínda máis dende que comezou a pandemia”.

“Impulsamos accións para paliar o impacto da crise sanitaria, e logo, a medida que foi posible, accións de recuperación e impulso do consumo”, subliñou Pilar García Porto, quen lembrou as numerosas iniciativas que neste sentido ten en marcha a Deputación, como formación ós concellos co fin de dotalos de ferramentas para desenvolver e xestionar productos e servizos turísticos, e favorecer así a recuperación desta actividade e da hostalería; os Bonos Impulso, un desconto de 30€ por un gasto igual ou superior a 60€ na hostalería e nos comercios locais, que terá un retorno económico estimado na provincia de 1,5M€; e os programas Actívate, que está en marcha; Saborea a túa provincia, que se desenvolvera no mes de agosto; ou Coñece a túa provincia, que arrancará en setembro.

A Deputada lembrou así mesmo que a institución aprobou onte mesmo a convocatoria e as bases da segunda edición dos premios provinciais ó turismo e a gastronomía, “que tan boa acollida tivo o ano pasado, e no que, dende aquí, animo a participar aos grandes profesionais da hostalería e do turismo que temos na nosa provincia”.

“Esta liña de colaboración e traballo conxunto co sector, poñendo en valor a singularidade e a calidade dos nosos produtos, da nosa gastronomía e da nosa oferta hostaleira, igual que a aposta por un turismo sostible e de calidade, ao aire libre, que pon en valor o noso patrimonio, son fortalezas da nosa provincia nesta etapa que estamos iniciando de recuperación da normalidade e da recuperación da economía”, destacou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.

O segundo congreso ...E para Comer Lugo, no Camiño, puxo en valor a cultura gastronómica vinculada aos camiños de Santiago que atravesan a provincia de Lugo. Ademais de obradoiros de cociña, catas de viños e cafés, varios cociñeiros lucenses realizaron demostracións culinarias de tapas típicas dos distintos camiños.