Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo promociona os recursos da provincia colaborando coa nova película de Dani de la Torre, Live is Life

audiovisual
turismo
Promoción do Territorio
dani de la torre
A Xunta de Goberno aprobou 100.000€ para o filme do cineasta lucense, rodado na Ribeira Sacra, co dobre obxectivo de seguir apoiando ao audiovisual, un sector que crea industria, emprego, e fomenta a cultura e a lingua galegas, e de favorecer a proxección nacional e internacional da provincia e, con elo, a actividade turística

Aprobada a relación dos preto de 700 establecementos adheridos aos Bonos Impulso da Deputación, para os que xa hai 2.000 solicitudes da veciñanza

A institución provincial licita as obras para a renovación do firme dun novo tramo da estrada LU-P-0610, paralela á costa de Barreiros, ás que destina 133.000€

A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, anunciou este venres que a institución colaborará cunha aportación económica de 100.000€, a través dun contrato de patrocinio, coa nova película do director de cine lucense Dani de la Torre, Live is Life, unha medida que contribuirá á promoción dos recursos da provincia de Lugo en tanto que o filme tivo a Ribeira Sacra como escenario de rodaxe, en concreto, os municipio de Pantón, Sober, Quiroga, O Saviñao e Monforte de Lemos.

A tamén Deputada de Promoción do Territorio e Turismo subliñou que o apoio da Deputación a este proxecto audiovisual ten o dobre obxectivo de “seguir colaborando cun sector que crea industria, emprego, e fomenta a nosa cultura e a nosa lingua, e, ao mesmo tempo, favorecer a proxección nacional e internacional da Ribeira Sacra e do conxunto da provincia e, con elo, a actividade turística”. 

“A película Live is Life é un escaparate excepcional da provincia, que estamos convencidos de que axudará a dar a coñecer os nosos recursos e que atraerá a novos visitantes, impulsando o turismo, nunha situación moi complexa para o sector debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19”, explicou a Deputada.

García Porto puxo en valor o traballo do cineasta Dani de la Torre e argumentou que “esta colaboración económica é un investimento, polo retorno que leva consigo en termos de promoción”. A colaboración responde “á nosa aposta por consolidar á provincia de Lugo como un escenario de rodaxe de producións audiovisuais, porque isto dinamiza a economía e favorece a creación de emprego”, subliñou.

Nos últimos dez anos, a Deputación de Lugo colaborou con máis de 30 películas, documentais, curtametraxes e series amosando así o apoio da institución á industria audiovisual galega e lucense.


Bonos Impulso
Na Xunta de Goberno deste venres aprobouse tamén a listaxe dos preto de 700 establecementos da provincia que se adheriron aos Bonos Impulso da Deputación. A relación dos negocios xa está publicada na páxina web da institución provincial e este sábado publicarase no Boletín Oficial da Provincia, para que as persoas que xa pediron un bono ou que estean interesadas en solicitalos poidan consultar xa os negocios que están adheridos e onde poderán facer no seu momento as compras para desfrutar dos descontos.

A voceira socialista do Goberno apuntou que xa son máis de 2.000 veciños e veciñas os que pediron un bono, o que demostra “a boa acollida desta medida que puxemos en marcha dende a Deputación, dentro do Plan de Impulso da Economía da Provincia, para incentivar o consumo e para contribuír á recuperación dos sectores máis afectados polo impacto da pandemia, como son a hostalería e o comercio local”.

O prazo de solicitude dos Bonos Impulso estará aberto ata o próximo día 21 de xuño e, unha vez recibido, os beneficiarios poderán gastalos ata o día 31 de agosto. En total, a Deputación de Lugo repartirá 17.000 descontos nominativos de 30€, para compras dun mínimo de 60€, cos que se mobilizarán en torno a 1,5M€.

Nova actuación na rede provincial de estradas
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto e a licitación das obras para renovar un novo tramo da LU-P-0610, a estrada provincial paralela á costa de Barreiros. Con esta actuación, a Deputación mellorará un treito de máis de 2 quilómetros, entre os puntos 1,4 e 3,2, cun investimento de 133.000€.

Nesta vía da Mariña, a Deputación xa investiu 91.000€ para renovar o firme do tramo que vai do quilómetro 3,4 ao 5,4, e só queda un último treito para a súa renovación integral, que quedará completada neste mandato. 

García Porto recalcou que “esta é unha estrada estratéxica para Barreiros e a comarca da Mariña, porque enlaza as praias de Altar e Reinante e a glorieta da praia das Catedrais, dando servizo a numerosos veciños e veciñas e visitantes que se achegan á costa barreirense”.

Por outra banda, na sesión deste venres, o Goberno da Deputación aprobou a adxudicación doutros tres lotes do contrato para a roza de estradas provinciais por un importe que suma preto de 300.000€. Son os lotes que afectan aos concellos de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Taboada, O Saviñao, Bóveda, Pobra de Brollón e Monforte de Lemos.

Na Xunta de Goberno do venres pasado adxudicáronse outros 19 lotes por un importe de 1,7M€. Só quedan dous lotes por adxudicar -os que comprenden Abadín, Baleira, Baralla, Mondoñedo e Láncara- porque é necesario requirir ás empresas mellor valoradas, ao no ser posible a primeira adxudicación. O contrato para a prestación dos traballos de desbroce da rede viaria provincial terá vixencia este ano 2021 e o vindeiro 2022, coa opción de prórroga por outro ano máis.

En total, a Deputación de Lugo destinará á roza das estradas provinciais máis de 2,5M€, “un investimento moi importante, que responde ó compromiso da Deputación de Lugo de mellorar a seguridade na rede viaria provincial e a comodidade dos condutores, evitando que a vexetación dificulte a evacuación das augas de escorrentía ou afecte á seguridade dos usuarios polo efecto ‘aquaplaning’. Estes traballos tamén favorecen a prevención de incendios durante o verán”, asegurou Pilar García Porto.

Centro de maiores de Meira
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación por un importe de 127.000€ do lote correspondente a mobiliario xeral do contrato para o equipamento do Centro de Atención a Maiores de Meira.

Xa foron adxudicados outros tres lotes de equipamento, os correspondentes ao material de lavandería, dotación de equipos médicos, xogos, material pedagóxico e axudas técnicas, e ao equipamento de pequenos electrodomésticos e material de limpeza por un importe total de 79.000€. Para completar a dotación, só queda o lote de cortinaxe, que saíu a licitación por 94.000€.

Plan Único en Foz
A Xunta de Goberno aprobou este venres a solicitude do Concello de Foz para aplicar remanentes do Plan Único 2020 a novas actuacións. En concreto, son máis de 48.000€ para a construción dunha rampla de acceso e a colocación de bancos no Centro de Maiores, o acondicionamento de diferentes camiños e melloras no acceso ao núcleo urbano do municipio e para unha separación de pluviais na zona da Riveira.