Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación promove o enoturismo da provincia de Lugo na Feira Internacional de Valladolid

Deputación de Lugo
turismo
Feria Enoturismo Valladolid
A institución provincial estará presente por primeira vez no certame valisoletano, que se celebra entre hoxe e mañá, para dar a coñecer o patrimonio vitivinícola lucense e as rutas do viño da Ribeira Sacra

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo destacou a importancia de asistir a estas citas para “apoiar e traballar da man do sector nun modelo de turismo sostible e de calidade, que pon en valor o patrimonio e crea emprego no rural”

A Deputación de Lugo estará presente na Feira Internacional de Enoturismo que se celebra entre hoxe e mañá en Valladolid para a promoción do turismo vitivinícola da provincia de Lugo. Trátase dunha cita que impulsa e aborda cuestións relacionadas co análise do mercado, o comportamento dos turistas e a aplicación do big data neste sector, ademais do proceso de creación de propostas innovadoras.

A institución provincial participa por primeira vez neste certame cun expositor no que se pode atopar información dos recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos da provincia de Lugo. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a importancia de asistir a estas citas para “afianzar os nosos proxectos e seguir apostando por programas deseñados para apoiar e traballar da man do sector nun modelo de turismo sostible e de calidade, que pon en valor o patrimonio e crea emprego no rural”.

“Dende a Deputación queremos contribuír á recuperación do noso sector turístico con iniciativas que reforzan ese modelo, como os Bonos Impulso ou os programas Actívate, que xa está en marcha, Saborea a túa provincia e Coñece a túa provincia”, explicou a Deputada de Turismo.

 

Promoción do Territorio

A cita valisoletana permitirá promover os viños da Ribeira Sacra, que contan con Denominación de Orixe, e todo o traballo que se xera ao seu arredor como a viticultura heroica, realizada nas ladeiras dos ríos Miño e Sil. Tamén se darán a coñecer os recursos turísticos deste territorio e as rutas do viño que se ofrecen neste destino lucense.