Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba novas actuacións para a mellora de estradas provinciais cun investimento de 230.000€

estradas
hortos urbanos
A Xunta de Goberno deu luz verde ao proxecto e contratación de obras na LU-P-4701, que une os concellos da Pobra de Brollón con Folgoso do Courel por Parada de Montes, e nun novo tramo da LU-P-5903, de Sober a Doade

Co mesmo obxectivo de mellorar e manter en bo estado a rede viaria, a Deputación sacou a licitación cun orzamento de 153.000€ a compra dun vehículo para o Parque Móbil -unha cabeza tractora cun semiremolque tipo bañeira-, que será empregado para trasladar o material ás estradas

Adxudicadas 54 parcelas máis dos hortos urbanos do Parque do Rato para o seu uso durante un período de dous anos

Licitado un contrato para a prestación do servizo de mudanza e traslado de diferentes servizos da Deputación de Lugo ao Fogar de Santa María, despois das obras de rehabilitación acometidas nos pavillóns 1 e 2

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou tras a Xunta de Goberno deste venres a aprobación de dúas novas actuacións para mellorar máis de 20 quilómetros da rede viaria provincial cun investimento total que supera os 230.000 euros.

Trátase, por unha banda, da estrada LU-P-4701, que une os concellos da Pobra de Brollón con Folgoso do Courel por Parada de Montes. Esta mellora, que sae a licitación por máis de 100.000 euros, permitirá acondicionar máis da metade da vía, do quilómetro 1 ata o 19,757. Realizarase a reparación de baches, mordentes e afundimentos, e a repavimentación de zonas degradadas mediante rego con gravilla bicapa, o que contribuirá a mellorar a circulación e a seguridade da vía de maneira importante.


Por outra banda, a Deputación licita obras nun novo tramo da LU-P-5903, de Sober a Doade, por un importe de 130.705,23€. “Actuaremos no tramo que vai do quilómetro 13,740 ao 14,480, co que damos continuidade ó tramo entre o punto quilométrico 13 e o 13,740, que foi adxudicado en xaneiro por un orzamento de 97.385,75€ e no que empezarán as obras a vindeira semana”, explicou o Presidente. Os traballos consistirán no ensanche da calzada, drenaxe, afirmado e pavimentación con aglomerado, ademais da sinalización horizontal.


Tomé Roca destacou que “practicamente en cada Xunta de Goberno estamos aprobando novas actuacións na rede viaria provincial, o que dá boa conta de que a mellora das comunicacións é unha prioridade para este Goberno”.


Con este mesmo obxectivo de mellorar e de manter en bo estados as estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou sacar a licitación a compra dun novo vehículo para o Parque Móbil Provincial cun orzamento de 153.670€. Trátase dunha cabeza tractora cun semiremolque tipo bañeira que será empregado para trasladar o material ás estradas.

Tal e como informou o Presidente, a Xunta de Goberno adxudicou tamén o servizo de mantemento e reparación de turismos propiedade da Deputación á empresa Fergul Auto SLU, por un importe de 18.000€, e por un período dun ano, prorrogable por outros dous. Así mesmo, en relación tamén co Parque Móbil, aprobouse a licitación do contrato para o subministro de pezas mecánicas para os vehículos e máquinas da Deputación, que sae a contratación cun orzamento base de 18.000€ e por un prazo de un ano, prorrogable por anualidades ata un máximo de catro.

Hortos urbanos do Rato

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a autorización de uso e a asignación de 54 hortos urbanos máis no Parque do Río Rato. “Esta adxudicación fíxose a través dun proceso de concorrencia competitiva, no que primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, ente outros”, recordou o Presidente.


No mes de marzo foron entregadas as 55 primeiras parcelas aos usuarios e usuarias que xa foran titulares anteriormente destes espazos. Coa asignación aprobada hoxe, por un período de dous anos, están adxudicados 109 hortos, do total de 150 que están habilitados. Tomé Roca sinalou que para cubrir os hortos que quedan libres, abrirase un novo procedemento nos próximos meses.

Fogar de Santa María

Na Xunta de Goberno deste venres deuse luz verde á licitación por 54.450€ dun contrato para a prestación do servizo de mudanza e traslado de diferentes servizos da Deputación de Lugo ao Fogar de Santa María, despois das obras de rehabilitación acometidas nos pavillóns 1 e 2. Neste traslado cambiarán de espazo os servizos de Recadación, Asistencia aos Concellos, Medio Ambiente, Formación e Asistencia Xurídica.

O Presidente destacou que “se todo vai sobre o previsto, o traslado comezará a mediados de xullo, e a duración do contrato non debe superar os dous meses, a excepción do servizo de Recadación, para o que o prazo é dunha semana, por tratarse dun servizo con necesidades especiais”.

O contrato inclúe o traslado do equipamento, mobiliario, documentación, arquivos, utensilios e pertenzas, así como a montaxe e desmontaxe do mobiliario e do equipamento necesario, e a súa posterior colocación no Fogar de Santa María. Ademais establece que o mobiliario sobrante que non se destine ás novas dependencias será transportado ós almacéns das naves da Deputación no polígono industrial de Begonte e, aqueles que non sexan útiles, serán retirados e valorados conforme ó tipo de residuo.

Programa Lugo Termal

A Xunta de Goberno avanzou na posta en marcha do programa Lugo Termal coa adxudicación do contrato dos tratamentos e técnicas termais cos tres balnearios da provincia, situados en Lugo, Palas de Rei e Pantón, por un importe de 60.500 euros. “Este ano como novidade o programa está aberto a veciños e veciñas da provincia maiores de 50 anos de idade, precisamente co obxectivo de aumentar o seu beneficio directo nos establecementos termais e axudarlles a recuperar a súa actividade tras o parón provocado pola pandemia”, destacou o mandatario provincial.

Granxa Gayoso Castro

A Xunta de Goberno aprobou tamén sacar a contratación a subministración de medicamentos, material sanitario e outros produtos veterinarios necesarios para a xestión sanitaria da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo. O contrato está dividido en dous lotes, un para medicamentos e outro para o material e outros produtos veterinarios. O orzamento base de licitación é de case 27.000 euros e a duración é dun ano, prorrogable por outro.