Deputación de Lugo

A Deputación e ACRUGA presentan 15 exemplares da Granxa Gayoso á XCV Poxa de Raza Rubia Galega de Adai

RECURSOS SOSTIBLES
granxa gayoso castro
Poxa Adai granxa gayoso castro
O Deputado de Recursos Sostibles asistiu á cita coa que a institución provincial tamén colaborou cedendo 11 xovencas para a 34º edición do concurso de gando na parroquia corguesa

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, xunto ao presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades, participou este sábado na XCV Poxa de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega no recinto feiral de Adai, no concello do Corgo. A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo presentou 15 exemplares á este certame e 11 para o concurso. En total, 26 exemplares desta raza autóctona. 

As cabezas de gando da Granxa provincial presentadas este sábado, que contan entre ano e medio e dous anos, tiveron un prezo medio de 2.456 euros na poxa. Esta nova edición da poxa e o concurso de Adai acolleu 150 animais de 18 explotacións gandeiras e de 11 concellos de Galicia.

A Deputación de Lugo mantén unha importante colaboración con este colectivo ao que lle destina, dende 2019, unha achega total de 1,4 millóns de euros ata o 2022. Esta colaboración destínase por unha banda, para unha liña de axudas directas a explotacións lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con ACRUGA para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro.