Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación licita melloras en tres estradas provinciais da zona sur por 205.000€

Xunta de Goberno
Rede provincial de estradas
saborea
Meira
A Xunta de Goberno aprobou obras para rehabilitar un total de 18 quilómetros da LU-P-4110, de Arribada a Budián; da LU-P-4111, que comunica Santiago de Castillón desde Ferreira de Pantón; e da LU-P-4114 desde Toldaos con Augas Santas

Aprobadas as bases do programa Coñece a túa provincia, a través do que a Deputación ofrecerá entre setembro e novembro 1.242 prazas en viaxes gratuítas por 37 itinerarios de todo o territorio lucense

A institución provincial destina 288.000€ a un convenio co Concello de Meira para o acondicionamento da Campa do Plantío co fin de destinalo a usos múltiples

O Executivo acorda a oferta de 40 prazas, o calendario e os requisitos para a matrícula do curso 2021-2022 dos dous ciclos de grao superior do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais. O prazo de preinscripción abrirá o vindeiro mércores

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a licitación das obras para o acondicionamento do firme en tres estradas de Pantón por un importe total que supera os 205.000€.

En concreto, rehabilitarase o firme da estrada LU-P-4110, que conecta Arribada, na parroquia de San Fiz de Cangas, a Budián, en San Romao de Acebre, nun tramo de algo máis de 5 quilómetros; o da LU-P-4111, que comunica Santiago de Castillón desde Ferreira de Pantón, nun tramo de máis de 9 quilómetros, desde Santa Mariña de Eiré a Marce; e o firme da a LU-P-4114, que une Toldaos con Augas Santas, nun treito de preto de 4 quilómetros.

Os traballos consistirán na rehabilitación integral do firme destas estradas en treitos que suman en total 18 quilómetros e o prazo de execución será de 5 meses. A voceira socialista do Goberno destacou a importancia destas actuacións porque “son vías moi utilizadas polos veciños e veciñas do concello de Pantón”.

En materia de estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación dos dous últimos lotes que quedaban do contrato para o desbroce das estradas, por un importe que suma preto de 160.000€. Estes dous lotes afectan aos concellos de Mondoñedo, Abadín, Baleira, Baralla e Láncara.

A totalidade do contrato, dividido en 22 lotes, está adxudicado por un  importe de máis de 2,2M€, e terá vixencia este ano 2021 e o vindeiro 2022, coa opción de prórroga por outro ano máis. Os traballos de roza comezarán neste mes.

Así mesmo, a Xunta de Goberno acordou licitar o contrato para os servizos de mantemento e preparación dos camións, vehículos especiais e maquinaria do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro por un importe de 54.000€ e 15.000€, respectivamente. Son contratos dun ano de duración, prorrogables anualmente, sen que poidan exceder dos catro anos.

Coñece a túa Provincia
Por outra banda, o Executivo aprobou este venres as bases reguladoras do programa Coñece a túa provincia, dirixido a entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia de Lugo, e que consiste en viaxes gratuítas en pequenos grupos, dunha xornada de duración, por distintos puntos da  xeografía lucense, seguindo diversas rutas.

“Esta é unha das medidas que lanzamos dende a Deputación no marco do Plan de Impulso da Economía da Provincia, e que está destinada a estimular o turismo de proximidade e favorecer a recuperación sostible deste sector, da hostalería e do comercio local fronte ao impacto da pandemia”, lembrou a voceira socialista.

As bases recollen, entre outras cuestións, que a excursión concedida a cada entidade beneficiaria do programa Coñece a túa Provincia incluirá o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Ademais, con cada grupo participante irá en todo momento un guía acompañante. As visitas serán realizadas por profesionais que conten coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal encargado de atención ó público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

Este ano, entre setembro e novembro, a Deputación ofrecerá un máximo de 1.242 prazas e 37 itinerarios pola provincia de Lugo. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A orde de prelación da listaxe de entidades admitidas establecerase conforme á orde de presentación das solicitudes segundo o número de rexistro de entrada ata esgotar as prazas dispoñibles.

As excursións concedidas no marco da edición 2021 do programa Coñece a túa provincia terán lugar entre os meses de setembro e novembro, en días laborables (de luns a venres, agás festivos).  En todo caso, o Servizo de Turismo da Deputación de Lugo determinará os días concretos nos que finalmente se realizarán as excursións.

Acondicionamento da Campa do Plantío en Meira
A Xunta de Goberno sacou tamén adiante un convenio de colaboración co Concello de Meira a través do que a Deputación de Lugo achegará 288.000€ para o acondicionamento da Campa do Plantío. Tal e como informou Pilar García Porto, “trátase de dotar a Meira dun espazo polivalente para a celebración de todo tipo de actos, liberando así as rúas e o centro do municipio. Está é unha actuación importante para Meira, que non ten un espazo habilitado para os grandes eventos ou, por exemplo, para a instalación da Unidade Móbil da ITV, que na actualidade utiliza a rúa Fray Vidal, cortando a circulación, ou a praza do Concello e a do Convento Cisterciense”.

A obra principal que recolle este convenio contempla formigonar unha explanada de 48x85 metros na parte máis elevada do terreo, prolongando a rúa dos Colexios dende o cruce coa rúa Fray Vidal, xusto en fronte do Centro de Atención a Maiores da Deputación. A actuación contempla, ademais, zonas de acceso peonil, iluminación, plantación de árbores e peche de madeira para integrar a obra na contorna.

Equipos de protección e uniformes
Así mesmo, aprobouse licitar un contrato para o subministro de Equipos de Protección individual (EPIs), roupa de traballo e uniformes para o cadro de persoal da Deputación de Lugo por un importe de 284.000€. Trátase dun contrato por un ano, prorrogable por outro máis.

Prazas ciclos grao superior de Audiovisuais
Na Xunta de Goberno aprobáronse as prazas a ofertar, o calendario e os requisitos para a matrícula do curso 2021-2022 dos dous ciclos de grao superior do centro de formación do servizo de audiovisuais da Deputación de Lugo. Son 20 prazas para o ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos e outras 20 prazas para o ciclo de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos.

O prazo de preinscripción comezará o vindeiro mércores, 23 de xuño, e rematará o 2 de xullo. A publicación da lista de admitidos provisionais sairá o 6 de xullo e haberá un par de días para presentar reclamacións.

A listaxe definitiva publicarase o 13 de xullo e ó día seguinte -14 de xullo- comezará o prazo de matrícula ordinaria.

Os requisitos para poder acceder estes ciclos son ter o título de Bacharelato en calquera modalidade; un título de Técnico Especialista ou Superior; ter superado o curso de Orientación universitaria; dispoñer dunha titulación universitaria; ter superada a proba de acceso a ciclos formativos de grao superior; ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
Terase en conta, para o acceso a estas prazas que se trate da primeira matrícula no ciclo para o que se solicita praza, a maior nota no expediente académico e tamén o sexo menos representado no ciclo formativo solicitado na matrícula do curso anterior no que se demande praza.