Deputación de Lugo

A Deputación participa na entrega dos premios do obradoiro para a reforma da Vaguada do Campus

USC
Campus Terra

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na clausura e na entrega dos premios do obradoiro organizado pola USC para recabar propostas para a mellora da Vaguada do Campus de Lugo. Ao longo desta semana, os alumnos e alumnas inscritos traballaron nunha situación real, concreta e vencellada á contorna que permitirá a mellora deste espazo. 

O xurado outorgou o primeiro galardón, dotado con 600 euros en metálico, ao proxecto ‘Revalgada’, que incluía propostas de intervencións urbanísticas e paisaxísticas que buscan a rexeneración do espazo a través da recuperación de usos do anfiteatro central, ao tempo que valorizan a presenza da auga, contempla intervencións na cuberta vexetal e melloran as sendas peonís existentes. 

Os outros dous proxectos presentados polos equipos interdisciplinares que concorreron a esta convocatoria da USC e Deputación de Lugo recibiron cadanseu accésit e unha dotación económica de 200 euros. Estas propostas, do mesmo xeito que a que resultou gañadora, tamén afondaron na idea de concibir a valgada do campus como nexo entre vida universitaria e a cidade de Lugo, ademais de como ligazón da trama urbana co río Miño.

Pablo Rivera felicitou á Universidade, e en concreto á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e ao profesorado do grao interuniversitario de Paisaxe, por impulsar esta iniciativa, que é o “reflexo dunha corrente en favor do urbanismo sostible, da humanización da paisaxe urbana e da reformulación do ordenamento das cidades que conta co respaldo da Deputación de Lugo, como propietaria ademais dos terreos da Vaguada”. O Deputado lembrou que esta parcela está cedida dende o ano 1991 á Universidade de Santiago para o seu uso, “no marco da estreita relación de colaboración, xa histórica, que mantemos ambas entidades”, e que esta semana se renovou coa sinatura dun convenio a través do que Deputación de Lugo achega 370.500€ á USC para potenciar o Campus de Lugo.