Deputación de Lugo

O Presidente felicita ao CB Breogán polo seu ascenso á máxima categoría

Deputación de Lugo
CB Breogán
Imaxe deputación de lugo
José Tomé Roca deu os parabéns aos xogadores, corpo técnico, directiva e afección do club de baloncesto lucense tras a vitoria que lle outorga ao equipo unha praza na Liga ACB para a vindeira tempada

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, felicitou, no seu nome e no da Corporación provincial, ao Club Baloncesto Breogán polo ascenso á máxima categoría do baloncesto español. O mandatario provincial quixo transmitir os seus parabéns aos xogadores, ao corpo técnico, á directiva e á afección do equipo lucense, que, tras a vitoria desta fin de semana, alcanzou unha praza da Liga ACB para a vindeira tempada. 

O CB Breogán venceu ao Fundación Club Baloncesto Granada no último partido dos Play Off de ascenso á máxima categoría. Os lucenses saíron á pista granadina con seguridade, o que lles permitiu manter unha vantaxe suficiente dende os primeiros minutos de partido. 

Así mesmo, felicitou aos seareiros pola súa entrega dende comezos de tempada, onde os folgos chegaban maioritariamente a través das pantallas polas limitacións sanitarias. Nos últimos partidos, o equipo contou co apoio dos afeccionados e afeccionadas no Pazo dos Deportes, aportando o impulso necesario para acadar esta ansiada meta.

Tomé Roca celebrou que a vindeira tempada este equipo leve o nome da provincia por todo o territorio nacional xogando con algúns dos mellores equipos do mundo. “Os valores e o traballo do Breogán son un orgullo para a provincia e para todos os lucenses, demostrando que os obxectivos marcados poden acadarse con esforzo constante”, resaltou o Presidente.