Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación achega preto de 10.000€ para unha nova edición do Festival Aturuxo de Bravos

FESTIVAL
Festival Aturuxo
Ourol
O Presidente e o Alcalde de Ourol asinaron no Pazo de San Marcos o convenio polo que a institución provincial impulsará esta cita que reunirá, o vindeiro 10 de xullo, grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, asinaron este venres no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para impulsar unha nova edición do Festival Aturuxo de Bravos. Esta cita, que reunirá o vindeiro 10 de xullo a grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional, contará cunha achega de preto de 10.000€ da institución provincial.

“Gracias a este convenio apoiamos unha cita que pon en valor a nosa cultura, que é inclusiva, porque será accesible tamén para persoas con discapacidade auditiva e que xa é todo un referente na nosa provincia”, sinalou Tomé Roca. O Presidente destacou a importancia que ten este tipo de eventos para dinamizar a vida social e económica dos concellos do rural e animou á veciñanza da provincia a participar nesta actividade musical “porque a cultura é segura e porque é o momento, con todas as precaucións debidas e con toda a prudencia, de recuperar pouco a pouco a normalidade”.

Este festival, que xa vai pola súa novena edición e que non puido celebrarse o ano pasado por mor da pandemia, contará cun intérprete de linguaxe de signos e está organizado pola Asociación Cultural Aturuxeiros.

A cita musical terá unha zona de acampada gratuíta e a organización tamén ten previsto un servizo de transporte desde a estación de autobuses de Viveiro ata a parroquia ourolesa de Bravos. A achega da Deputación de Lugo axudará ao concello de Ourol a sufragar os gastos deste evento que terá un impacto positivo no sector hostaleiro, comercial e turístico de Ourol e da contorna.