Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo reivindica o papel das entidades locais na defensa da igualdade e a convivencia cunha declaración institucional con motivo do Orgullo LGTBIQA+

Deputación de Lugo
LGTBIQA+
Declaración institucional LGTBIQA+
O Pleno aprobou un documento acordado polos tres grupos políticos da Corporación no que amosan a súa defensa da “non discriminación, con independencia da raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, manifestando unha especial sensibilidade coas persoas migrantes”

A Corporación provincial de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes unha Declaración Institucional con motivo do Día do Orgullo LGTBIQA+ acordada polos tres grupos políticos con representación na institución -PSdeG, BNG e PP-, na que reivindican o papel das entidades locais e provinciais como defensores da igualdade e da convivencia, como “axentes esenciais insubstituíbles da protección dos dereitos e liberdades de toda a cidadanía e defensores da non discriminación, con independencia da raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, manifestando unha especial sensibilidade coas persoas migrantes”. O texto íntegro da Declaración Institucional é o seguinte:

No ano 1981, o Consello de Europa declarou o dereito á autodeterminación sexual de homes e mulleres. Con todo, corenta anos despois, as enquisas e a realidade mostran que a discriminación, e o discurso e os crimes de odio contra o colectivo LGTBIQA+ medran en todos os países da Unión Europea. Unha lacra social que representa unha seria ameaza para o respecto dos dereitos e das liberdades.

A pesar dos avances alcanzados en materia de dereitos LGTBIQA+, impulsados pola loita incansábel dos movementos sociais organizados, quedan aínda lagoas pendentes, especialmente no relativo á loita contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero, así como no recoñecemento e protección das persoas LGTBIQA+ vítimas de delitos.

A esta realidade, únese a excepcional situación sobrevinda coa crise sanitaria debido á
pandemia da COVID-19. O colectivo de persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais, que xa non desfrutan de plena igualdade nas circunstancias que o resto das persoas consideramos normais, víronse gravemente afectadas por esta pandemia. Por iso, é preciso garantir que todas as respostas á pandemia do coronavirus tamén teñan en conta as repercusións da crise nas persoas LGTBIQA+.

Así mesmo, a xeneralización das novas tecnoloxías, xerou novas formas de acoso e discriminación amparados dende o anonimato. O discurso de odio dos novos movementos de extrema dereita, tanto en España como en Europa, está contribuíndo sen dúbida a un incremento nos delitos de odio relacionados co sexo ou a orientación de xénero.

O último informe elaborado polo Ministerio do Interior, correspondente ó ano 2019, recolle un incremento do 8,6% nos delitos relacionados coa orientación sexual ou a identidade de xénero. Un incremento preocupante se pensamos no grande número de agresións deste tipo que aínda quedan sen denunciar polo estado de shock das vítimas ou a súa falta de confianza no sistema.

Neste contexto, o papel dos Gobernos locais ten demostrado, unha vez máis, que para ser eficientes e eficaces na loita contra a discriminación e no avance cara a igualdade plena, débese adoptar un enfoque baseado na proximidade. Actuar dende a proximidade para garantir os dereitos humanos de toda persoa no seu entorno vital cotián.

As Deputacións Provinciais e os Concellos somos garantes da efectividade dunha estratexia clara de loita pola igualdade e na defensa da convivencia cidadá. E somos tamén, e temos que seguir sendo, axentes esenciais insubstituíbles da protección dos dereitos e liberdades de toda a cidadanía e defensores da non discriminación, con independencia da raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, manifestando unha especial sensibilidade coas persoas migrantes.

Este ano cómprese o décimo sexto aniversario da aprobación do matrimonio igualitario en España. Un fito histórico que colocou ó noso país na vangarda da loita polos dereitos do colectivo LGTBIQA+. Dende a Deputación de Lugo queremos anovar o noso compromiso na defensa deses dereitos e o papel dos concellos como defensores dos mesmos, especialmente nunha provincia de carácter rural e elevada dispersión da poboación.

Como sucede con todos os problemas sociais, a discriminación, a soidade, a falta de referentes ou o illamento pode ser máis grave ou máis difícil de detectar no rural. E poden resultar especialmente dolorosos en etapas como a adolescencia ou a vellez. Por iso, hai que seguir poñendo os concellos na primeira liña da defensa dos dereitos do colectivo LGTBIQA+ e poñer en valor o rural como espazo para a construción de sociedades diversas.

Condenamos enerxicamente calquera discriminación contra as persoas LGTBIQA+ e os seus dereitos fundamentais, incluída a incitación ao odio. Lembramos a importancia de tomar medidas concretas para poñer fin á discriminación contra as persoas LGTBIQA+.

Non podemos quedar impasibles ante o recente repunte do discurso do odio. O racismo, a xenofobia, a homofobia, a transfobia e outras formas de intolerancia non poden ter cabida na nosa democracia, e cumpre loitar contra elas con medidas legais e previlas fomentando modelos educativos baseados na convivencia, no respecto e na inclusión, así como políticas públicas igualitarias e inclusivas.